A vontade do colonizador de nomear os territorios que ocupa

Topónimos, entidades de poboación, parroquias...
Responder
Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensajes: 19875
Registrado: 29 Sep 2004, 09:00
Ubicación: Mos

A vontade do colonizador de nomear os territorios que ocupa

Mensaje por serba »

21-10-2012

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI

Ao longo dos séculos, a historia verifica que a invasión dun país por outro trae consigo, entre outras consecuencias, que os novos dirixentes acrediten en que eles teñen o dereito a cualificaren e a nomeraren a nova terra. E falamos en masculino, de colonizadores, porque non temos constancia de que tropas de mulleres arrasasen os campos das nacións veciñas, matasen e torturasen os grupos de resistencia, violasen outras mulleres, mandasen á escravatura ou á servidume a populación conquistada ou practicasen outras barbaridades polo estilo. O colonizador xulga que pertence a unha sociedade suprema, máis refinada, e acha tamén que os territorios que invade son habitados frecuentemente por xentes de escasa ou nula civilidade. Na súa mente de neodemiurgo, mesmo chega a considerar que cumpre unha vontade case divina ao conquistar e dotar de civilización esoutros pobos, coitados, que terían de lle estar agradecidos pola súa decisión de os conquistar e de os aproximar da cultura; é unha das ideas que desenvolve Calvet na súa obra Lingüística e colonialismo (1993), na cal di que a colonización lingüística sempre acompaña outras modalidades de imperialismo.

Con isto non se pode afirmar que todos os procesos de invasión sexan idénticos, xa que o percurso da humanidade permite evidenciar diferenzas entre todas esas campañas asimilacionistas: repárese nas tropas anglosaxoas e nos pobos indios americanos ou nos aborixes autralianos, pénsese nos españois e en Sudamérica, lémbrese a causa de Palestina etc. Porén, na maioría de todos eses movementos bélico-económicos, o colonizador gosta con relativa frecuencia de renomear a realidade cultural e social que tenta civilizar, pois é ben sabedor, como deixou escrito Antonio de Nebrixa na súa Gramática española de 1492, que sempre a lingua é compañeira do imperio. E, falándomos de cortes imperiais, a coroa británica e a española desenvolveron similares tácticas para acabaren respectivamente cos topónimos tradicionais da Galiza e de Éire, país que un servidor visitou hai varias semanas.

Na realidade, son múltiplas as formas que adoptan as barbarizacións das toponimias, nun continuum que vai desde a substitución até á adaptación ortográfica sen consecuencias na pronuncia. Embora teñamos de partir da orixe lingüisticamente homofamiliar para o galego e o español (latín) e a proveniencia heterofamilar no caso do gaélico irlandés e do inglés (celta goidélico e anglosaxón), imos corroborar neste contributo como esa ansia de quen acredita que ten o dereito a renomear a terra que invade presenta paralelismos de certo notábeis entre o proceso de españolización dos nomes de lugar na Galiza e o de anglicización en Éire. Quen quixer aprofundar máis en tales temáticas pode consultar a excelente Gramática histórica galega. II. Lexicoloxía (1997), de Manuel Ferreiro, e o libro Basic Irish. A Grammar and Workbook (2008), de Nancy Stenson. Vese, da comparación de ambas as obras, que o continuum a que antes se fixo referencia presenta os seguintes graos:

1. Substitución do nome orixinario na lingua propia por outro na lingua imposta.

O colonizador, querendo demostrar que a súa civilización é superior á do pobo conquistado, decide mudar o topónimo propio por outro pensado por el, sen vinculación directa á realidade cultural, económica, histórica, orográfica ou social do territorio. Constitúe o exemplo máximo de soberba colonial e afecta preferencialmente (embora non só) as toponimias menores: así, para o lugar coñecido secularmente como As Eiriñas, no bairro coruñés de Cances, está proxectada unha rúa de nome *Comuneros de Castilla, paralela á Avenida de Fisterra, e unha outra chamada *Derechos Humanos, perpendicular á antecitada avenida; do mesmo modo, tal e como se comentou aquí noutro traballo, nomes como A Ramalleira, Agra de Cances, O Regueiro, etc., no herculino pólo industrial da Agrela-Bens, foron rebaptizados como *Calle Guttemberg, no primeiro caso, e *Calle Gambrinus, nos dous restantes. En Éire, por súa vez, Cill Mhantáin (literalmente: ‘Igrexa de Mhantáin’), Cathair na Mart (‘Cidade da Vaca’) ou Loch Garman (‘Lago de Garman’) etc. foron transformados respectivamente en Wicklow, Westport e Wexford.

2. Tradución completa do topónimo tradicional.

Exite unha segunda hipótese, na cal os axentes da colonización fan unha versión na súa propia lingua, xa que non están interesados en aprenderen a do territorio que foron invadir. Para este propósito, se as houber, aférranse como punto de partida ás equivalencias semánticas entre os dous idiomas (átha / ford, nova / nueva, ponte / puente etc.). Non importa que a orixe do nome sexa prerromana, celta, latina, xermánica ou arábiga (no caso galego), ou precelta, celta, escandinávica ou de calquera outra proveniencia (no irlandés). Temos así exemplos dunha Aldea do Muíño que pasou a *Aldea del Molino, dun Sobrado dos Monxes que se converteu en *Sobrado de los Monjes (e até en *Desván de los Monjes…), dun áureo Valadouro que se transformou nun ridículo *Valle de Oro, dunha Vilanova que foi mudada para *Villanueva etc. Na Illa Verde, por seu turno, achamos idéntica práctica; deste modo, un An Charraig Dhubh (‘O Penedo Negro’) foi versionado como Blackrock; un Atha Cuilinn (‘Braña Sagrada’, ‘Regato Sagrado’) acabou nunha forma como Hollyford; unha Ath an Mhuilinn (‘Braña do Muíño’, ‘Regato do Muíño’) traduciuse para Milford; unha Baile an Droichid (‘Vila da Ponte’) ficou como Bridgetown; unha Baile Mithil (‘Aldea de Mithil’) versionouse como Mitchellstown; un Caislean Nua (‘Castelo Novo’) pasou a ser Newcastle e un outro Caislean Glas (‘Castelo Verde’) virou Greencastle; etc. En termos estritamente semánticos, o significado, tanto no caso irlandés como no galaico, mantense, pois ambos son transparentes.

3. Tradución parcial do nome orixinario.

Noutras ocasións, porén, o colonizador practica unha maridaxe entre a súa lingua e a do pobo sometido que, contrariamente ao caso anterior, carece de contido semántico en calquera dos dous idiomas. Trátase dunha tradución en que só se versiona algún elemento do topónimo e non a súa totalidade. Tamén se parte aquí de certas equivalencias lingüísticas entre ambos os códigos, mais o produto final rincha no tímpano case máis agudamente que no proceso previo. Repárese, no caso galego, en versións tan aberrantes como *Otero del Rey (por Outeiro do Rei; en español correcto correspondería a un hipotético Altizano del Rey), *Puenteareas (por Ponteareas; o equivalente español sería Puentearenas), *Sotelo (de Soutelo; en español acharíase un Sotillo) etc. En Éire, novamente, voltamos a documentar similares paralelismos: Áth an Staing (‘Regato do Lago’) foi alterada para Stoneyford, mestura que presenta nos seus constituíntes a adaptación do elemento celta Staing>Stoney e a forma anglosaxoa ford; Baile an Chaisleáin (‘Vila do Castelo’) foi modificada para Ballycastle, híbrido que contén a parte gaélica adaptada Bally (<Baile) e a inglesa (Castle); etc.

Imagen

4. Adaptación fonético-morfolóxica da toponimia.

O conquistador, na súa vontade de impor a súa cultura, decide agora que a substitución onomástica ou a tradución total ou parcial poden virar máis complicadas do que unha versión en que se alteran certos trazos fonéticos e morfolóxicos partindo dalgunhas imprecisas equivalencias. O produto, como no caso anterior, carece de significación quer na lingua propia quer na do colonizador, pois trátase de híbridos que nada queren dicir en ningunha delas: tal é o caso de *Fontanes por Fontáns, *Mugía en vez de Muxía, *Niñones por Niñóns, *Puentedeume en vez de Pontedume, *Seijas por Seixas, *Teijeiro en lugar de Teixeiro, etc.; e tamén é a situación da tradución do artigo toponímico en mostras como *La Devesa por A Devesa (español estándar La Dehesa), *La Fonsagrada por A Fonsagrada (español padrón La Fuente Sagrada), etc. Viaxando novamente a Éire, voltamos a rexistrar parecidos procederes, aínda que temos de marcar un apuntamento relevante: sinalaba P. W. Joyce no seu opúsculo Etymology of the Populations of Ireland (1902) que a tendencia xeral da anglicización fixo que as formas modernas inglesas tivesen a súa orixe no irlandés antigo tal e como se pronunciaba na Baixa Idade Media, mais non como se escribían, co obxectivo de que así se puidese conservar a súa pronuncia orixinal e se puidesen tamén representar até onde o permitía o alfabeto inglés, o dos colonizadores; sexa como for, por causa desa vontade achamos na actualidade topónimos barbarizados como An Baile Glas (‘A Vila Verde’) anglicizado en Ballyglass, a manter os dous elementos gaélicos pronunciados á inglesa; Baile Átha Buí (‘Vila do Regato Amarelo’) ficou como Athboy, a perder o primeiro constituínte e conservando os dous restantes; Baile Easa Dara (‘Vila da Fervenza Segunda’) converteuse en Ballysadare (ou Ballisodare), mantendo os tres elementos celtas; Droichead Átha (‘Ponte do Río) virou Drogheda; Muilleann a’Bata (‘Muíño de Pao’) adaptouse, con todos os constitúentes gaélicos, en Mullinavat; etc.

5. Mudanza ortográfica do nome orixinario.

Máis un tipo de colonización nesta liña consiste na adaptación ortográfica do topónimo para a lingua do conquistador. Trátase dunha modificación que non implica alteracións na pronuncia, mais que insiste nunha forma gráfica allea para o nome tradicional. Desta forma, deixando de parte grafías arcaizantes que se detectan nalgúns nomes de persoa, esta modalidade de hibridación belisca na Galiza casos como os de *A Grela por Agrela, *Magoy por Magoi, O Grobe en vez de Ogobre, O Incio en lugar de Oíncio, *La Goa por Lagoa, *Fingoy en vez de Fingoi, *Landoy por Landoi, *Tuy en lugar de Tui, etc. É unha práctica que, no caso galego e dada a súa proximidade estrutural co español, se fai máis frecuente que no irlandés, a termos en conta a orixe das linguas hoxe oficiais en Éire (celta goidélico e anglosaxón). No entanto, unha mostra que se podería sinalar para a situación irlandesa é a eliminación do acento gráfico nas versións británicas dos nomes, de forma que un Clochán na Carraige é susceptibel de se transformar en Clochan na Carraige, Dún Eoghanachta pode virar Dun Eoghanachta, Dún Laoghaire corre o risco de se converter en Dun Laoghaire etc.

6. Manutención do topónimo.

Finalmente, o colonizador non consegue ou non sabe impor a súa proposta onomástica e o topónimo tradicional mantense, aínda que o risco de asimilación fica sempre latente. Nalgúns casos non existen equivalencias semánticas entre as dúas linguas, o que explica a súa conservación, e noutros, por algún aleatorio motivo que se descoñece (afastamento dos centros populacionais de importancia, ausencia nos documentos oficiais, microtoponimia, pouca ou escasa utilización, etc.), o proceso non deu triunfado: estamos a falar de topónimos como Barreiros, Bouzas, Camariñas, Carballo, Carballedo e Carballido, Cedeira, Corme, Fontán ou Fontao, Moraime, Negueira de Muñiz, Pontevedra, Samil, Teis, etc., os cales deron chegado aos nosos días sen estaren barbarizados de ningún xeito polo español. Igualmente, no caso irlandés, tamén se achan algunhas toponimias transmitidas na súa forma orixinaria, cal Altan, Ardan, Dún Duchathair, Grianán Ailligh, Port Laoise, Teampall Chiaráin, etc., aínda que, persoalmente, o seu número pareza representativamente máis baixo que no caso galego.

En síntese, pódese comprobar como diferentes axentes colonizadores adoptan medidas similiares nos territorios que ocupan. Nomear a terra que se habita contribúe para a humanizar e para se sentir parte dela. Substituír, traducir ou hibridizar os seus topónimos propios é unha ferramenta para a asimilación e a perda de identidade. Disto sabe moito o conquistador, o cal, non contente con aplicar esa súa vontade nos nomes de lugar, opta ao mesmo tempo pola imposición da súa cultura, do seu sistema económico, do seu idioma, do seu modelo de sociedade, da súa política etc., que son, en conxunto, as faces dun perigoso poliedro chamado desde sempre colonización e, máis recentemente, tamén coñecido como globalización.

http://www.terraetempo.com/artigo.php?a ... &seccion=5

_________________________________________________________________________________________

Xosé Manuel Sánchez Rei

http://www.udc.es/dep/fgp/curriculums/XoseManuel.htm
Poblada soledad es hoy el mundo.
Responder