* Desexo expoñer algunhas aclaracións, sequera breves, en torno á liñaxe dos Valcarce ou Valcarcel e a fortaleza de Doncos.
- O primeiro é facer mención á existencia de bastantes casa solarengas, principalmente na zona occidental lucense e na comarca do Bierzo con extensión á zona de Valdeorras, que se reputaban como descendentes desta saga. Feito doadamente comprobable na morea de persoeiros con este apelido e orixe dispar que se testemuñan documentalmente, cando menos dende o século XVI, e aínda antes.
- O segundo. Como é ben sabido con suficientemente proba documental, de García Rodríguez de Valcarce e Valboa
o das Pontes († c.a. 1411-12), á sazón Señor da fortaleza de Doncos entroutras posesións, e da súa dona Inés Fernández, quedaron dúas fillas herdeiras: dona Constanza e dona Leonor.
- Como ben se sabe, dona Constanza tivo dous matrimonios. O primeiro con Pedro Álvarez Osorio, Señor de Cabrera e Ribera, quenes foron os avós paternos do homónimo don Pedro Álvarez Osorio († c.a. 1483), Conde de Lemos dende 1456. O segundo matrimonio da referida señora foi con García Fernández Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia.
- Pola súa parte, dona Leonor tamén tivo dúas nupcias. De primeiras casou con Lopo Afonso de Lemos, Señor de Ferreira e Sober, sendo ambos menores de idade segundo se recolle na carta de dote outorgada no ano 1386. De segundas con Pedro Fernández de Bolaño e Valboa, Señor da Casa de Torés.
- Interesa seguir a descendencia dos citados dona Leonor Rodríguez de Valcarce e Lopo Afonso de Lemos, xa que por aí continuou a transmisión hereditaria da fortaleza e xurisdición de Doncos. Fillo deste matrimonio foi Alonso López de Lemos e Valboa, seguinte Señor de Ferreira e Amarante, e tamén da fortaleza de Doncos.
- Este Alonso López de Lemos († c.a. 1471-72) casou con dona Berenguela de Ribadeneira. Do matrimonio coñecemos a tres fillos: Diego de Lemos
o Irmandiño († 1495), Señor de Ferreira e Amarante, García Rodríguez de Valcarce e Leonor García.
- O segundo fillo citado, García Rodríguez de Valcarce, herdou a torre de Doncos xunto con outros bens. Asemella que non estivo casado. Pero si hai constancia documental de que tivo dous fillos naturais, que foron lexitimados polos Reis Católicos para poder herdar ó seu pai: Rodrigo Álvarez de Valcarce e Constanza de Valcarce (vexase, sinalo unha vez máis, o traballo
http://estudiosgen.com/profiles/blogs/d ... lero-e-ome).
- Doncos quedou na herdanza de Rodrigo Álvarez († c.a. 1511). Este casou con dona Isabel de Villavela, e do seu matrimonio tiveron varios fillos dos que tan só sobreviviu dona Francisca de Valcarce, herdeira do morgado fundado pola súa nai en 1527 onde se incorporaron os bens paternos, Doncos entre eles.
- Dona Francisca de Valcarce tivo dous matrimonios. Do primeiro con García Álvarez de Toledo, Señor de Villoria, foi fillo don Fernándo Álvarez de Toledo e Valcarce. Do segundo, con don Juan de Luna, tivo a outro homónimo don Juan e a dona Isabel de Luna.
- O herdeiro de Doncos foi o fillo do primeiro matrimonio, don Fernando Álvarez de Toledo e Valcarce, á sazón Señor de Villoria. Casou con dona María de Fonseca e tiveron por fillo a:
- Don Antonio Francisco de Fonseca, que foi o seguinte señor de Doncos e I Conde de Ayala por R. C. en 1602. Casou con dona Mariana de Ulloa. Deste matrimonio foi fillo don Fernando de Toledo Fonseca e Ayala, Conde de Ayala e Señor de Doncos. Por aí é por onde hai que seguir o dominio da agora polémica fortaleza de Doncos. Non por outro lado.
* Saúdos.