CERDEDO
Publicado: 19 Feb 2005, 03:03
por Milleiro
OS MORTOS ESQUECIDOS: RADIOGRAFÍA DA REPRESIÓN FRANQUISTA NUN PEQUENO CONCELLO RURAL. O CASO DE CERDEDO (PONTEVEDRA)
*Algúns datos espidos
- Habitantes: 5.211 no ano 1940.
- Partidos presentes na Corporación Municipal na Fronte Popular: “Izquierda Republicana” e “Partido Socialista Obrero Español”.
- Alcalde en 1936: Luciano García Ventín, carpinteiro natural da Feira de Fondós e concellal dende 1922; era Alcalde accidental dende a victoria da Fronte Popular. PSOE.
- Outras forzas políticas e sociais:
• “Juventudes de Acción Popular” (JAP), activas na capital municipal máis que nada e reconvertidas na Falange nos primeiros tempos da Guerra Civil. Membros destacados: Manuel Gutiérrez Torres (logo xefe de Falange), a súa tía Carmen Díaz Gutiérrez (logo dirixente da Falange feminina), Francisco Nieto (logo falanxista destacado). Houbo tamén algún falanxista de primeira hora, caso de Nilo Sieiro Sieiro, natural de Castro.
• Carlistas: José Caramés (alcalde nos anos 20), Manuel López Vizcaíno (párroco de San Martiño).
• “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo”, entidade agraria e obreira composta por dez sociedades radicadas en Pedre, Tomonde, Lourido, Figueroa, Castro, Deán, Quireza, Folgoso, Cerdedo e Bugarín. De tradición republicana e socialista dende a súa creación en 1920, no mes de Xaneiro de 1933 vaise integrar na CNT con máis de 200 afiliados, aínda que a UGT segueu a ter moitas simpatías tanto individuais como nalgúns colectivos, como os de Castro, Pedre e Tomonde. A razón da mudanza, veu dada polos canteiros e albaneis de Cerdedo que traballaban en Madrid dende Marzo a Nadal, e pouco a pouco fóronse afiliando ao potente “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” (CNT) da capital republicana. Logo, ao voltar ás súas parroquias no inverno, aproveitaron para integrar á Federación cerdedense na CNT galaica. Tiña local propio en Deán, incendiado e expropiado pola Falange tras o 18 de Xullo de 1936.
• Houbo, asemade, un feixe de simpatizantes do PCE, e a propia Pasionaria deu un mitin en Pedre andando a Fronte Popular.
- Mortos cerdedenses durante a Guerra Civil e a posguerra inmediata: 76.
- Mortos no Exército Nacional: 36 (17 no figuran na lápida da Igrexa parroquial, posto que se consideraron desaparecidos cuxos restos nunca se atoparon; neste caso, as familias non cobraron ningunha pensión de viudedade ou compensación por parte dos vencedores).
- Mortos no Exército Republicano: 22. Filiacións coñecidas: 13 CNT, 1 PSOE, ¿1 PCE?, 7 non consta.
- Asasinados ou fusilados polos franquistas: 18. Filiacións coñecidas: 7 PSOE e UGT, 6 CNT, 1 Izquierda Republicana, ¿1 PCE?, 3 non consta.
- Forzas represivas: Falange, Cívicos de Víctor Lis Quibén, Falange feminina, Garda Civil.
- Persoas sinaladas pola súa participación nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos: Manuel e Angel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, inspector farmacéutico e boticario de Soutelo de Montes; alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50) xunto con outro dos seus irmáns, Francisco Nieto (transportista; falanxista), Enrique, Jesús e Antonio Troitiño (comerciantes e transportistas; cívicos), Bernardino Torres “O Ferrador”, Antonio e José Sieiro Giadás, Secundino Couceiro “O Lapote” (marxinal), Secundino Jorge (mestre nacional; delegado gobernativo a comezos dos anos 40; acusado de “blando” por Carmen Díaz), Totó e Manuel Peleteiro, Comandante Ríos (mando da Garda Civil destinado en Cerdedo), Constantino Alonso (de Castro), Ramón Bao (de Quireza, xornaleiro), Figueroa (canteiro de Serrapio), “Chan da Vela” (xornaleiro de San Isidro), José Barros (canteiro de Pedre), Laurentino Barros (sen oficio, fillo do anterior), Paulina e Rogelio, matrimonio que levaba a taberna-tenda do Outeiro (Quireza), Manuel López Vizcaino, párroco de San Martiño de Figueroa (instigador; requeté), A. Rodríguez Anllo, párroco de Castro (instigador), Carmen Díaz Gutiérrez (instigadora; Falange feminina), Ramón Lois Cabano (capataz do camiño de ferro na Gudiña e Xefe Local de Falange de A Gudiña a partir do 1/9/36).
- Escenarios de paseos ou de torturas e maltratos: A Ponte do Barco e A Abelera, ambos lugares na antiga estrada Pontevedra – O Carballiño, entre Pedre e Dorna. A Ponte do Cando, no vial que une Castro con Quireza. A Abelera foi un lugar utilizado decote polos Cívicos de Víctor Lis Quibén, e alí se produciron asasinatos de persoas de diversos Concellos. Cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Taberna-tenda do Outeiro (Quireza), utilizada como “checa” polos falanxistas da zona (Alonso, Bao, Rogelio e Paulina).
*A lista moura
A) Falecidos polas represalias durante a guerra ou na inmediata posguerra :
- Francisco Arca Valiñas (Figueroa). Paseado na Ponte do Barco. Dirixente da “Sociedad `El Trabajo´” de Figueroa, integrada na “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo” (CNT). 13 de agosto de 1936.
- Secundino Bugallo Iglesias (Figueroa). Paseado na Ponte do Barco. Dirixente da “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo” (CNT). 13 de agosto de 1936.
- Gerardo Bugallo Lois, fillo do anterior (Figueroa), mobilizado no exército nacional e pasado polas armas en Teruel polos mesmos que asasinaron ao seu pai. “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo” (CNT). 1938.
- José Torres Paz (Cerdedo). Paseado na estrada Pontevedra-Santiago. Cadro sinalado do PSOE. 11 de agosto de 1936.
- José Cortizo González (Barro-Arén). Paseado na estrada Pontevedra-Santiago. PSOE. 11 de agosto de 1936.
- Martín Ferreiro Álvarez (A Botica-Quireza). Concelleiro de Obras do Axuntamento de A Coruña. Agachado en Quireza ao comezo da guerra, pasou a Portugal e logo a Francia e á zona republicana, onde loitou. Internado no campo de Argelés, no Mediodía francés, ao rematar a Guerra Civil. Apresado polos alemáns que o internan no campo de concentración de Mauthausen, onde morre 15 días antes de ser liberado polas tropas americanas. Izquierda Republicana. 1945.
- Manuel Tato Cadórniga (Loureiro). Tenente do Exército Republicano na zona de Madrid, falecido polos malos tratos na cadea de Lugo ao finalizar a guerra. “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). Nadal de 1939.
- Darío Tato Fernández (Loureiro). Primo do anterior. Finalizada a guerra na que participou no bando republicano en Madrid, foi detido en Cerdedo, enviado a Madrid e alí fusilado. “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). 1939.
- Plata (de As Quintas-Codeseda, pero casado en Laxoso). Loitou no Exército Republicano. Fusilado tras a Guerra Civil. 1939.
- Perfecto Ventín Barreiro (Tres Aldeas). Paseado na canteira do Suspiro, no Padornelo, cerca de A Gudiña. Traballador do camiño de ferro Zamora-Ourense. PSOE e UGT de A Gudiña. Nadal de 1936.
- Manuel Ventín Picallo, sobriño de Perfecto, (Tres Aldeas-As Quintas). Paseado na canteira do Suspiro, no Padornelo, cerca de A Gudiña. Traballador do camiño de ferro Zamora-Ourense. PSOE e UGT de A Gudiña. Nadal de 1936.
- Olegario Ventín Picallo, sobriño de Perfecto, (Tres Aldeas-As Quintas). Paseado na canteira do Suspiro, no Padornelo, cerca de A Gudiña. Traballador do camiño de ferro Zamora-Ourense. PSOE e UGT de A Gudiña. Nadal 1936.
- Erundino Ventín Picallo, sobriño de Perfecto, (Tres Aldeas-As Quintas). Paseado na canteira do Suspiro, no Padornelo, cerca de A Gudiña. Traballador do camiño de ferro Zamora-Ourense. PSOE e UGT de A Gudiña. Nadal de 1936
- Ramiro Lois Ventín, primo dos anteriores (Piñeiro). Paseado na canteira do Suspiro, Padornelo, cerca de A Gudiña. Nadal de 1936.
- Francisco Varela Garrido, “Pancho”, (Cerdedo), secretario do Concello de Cerdedo. PSOE. Fusilado en Monteporreiro (Pontevedra) o 27 de xullo de 1937.
- José Paz Cachafeiro. Secretario no ano 1933 da “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo” (CNT). Fusilado en Santiago, onde traballaba na construcción dun pantano no Tambre. 1936.
- Benjamín Troitiño Beiro. Fusilado en Santiago, onde traballaba na construcción dun pantano no Tambre. 1936.
- Eulogio Mosquera Vázquez (Limeres): Residía fora de Cerdedo. Detido por “comunistoide”, foi ingresado na cadea de Burgos, dende onde mantivo correspondencia coa familia de Limeres ata 1939. Logo, deixou de enviala e, seica, morreu de enfermidade ou malos tratos na cadea.
- Manuel Garrido (Fondós), “O Negro” ou “O Resucitado”, foi dado por morto cun tiro no peito na noite do 11 de agosto de 1936, cando en compañía de José Torres Paz e José Cortizo González, José Mª Taberneiro (antigo concelleiro do PCE en Forcarei, de alcume “O Rolo” de Vilapouca) e Jesús González (de Soutelo de Montes) foi transladado á estrada Pontevedra-Santiago para ser asasinados. Debeu andar polo monte e entobado na casa ata o remate da Guerra Civil, para que non remataran a faena os franquistas. Nese período, a súa muller recibiu malleiras para que o delatara. Era militante destacado do PSOE.
B) Falecidos formando parte do Exército Republicano durante a Guerra Civil :
- José Simal Penelas (Figueroa). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo” (CNT).
- Eladio Simal Penelas (Figueroa). Idem.
- Agustín Simal Penelas (Figueroa). Idem.
- José García Bugallo (Figueroa). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT).
- Manuel Arca Gamallo (Figueroa).
- Secundino Obelleiro Costa (Figueroa). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT).
- Manuel Otero ¿Pardo? (Castro). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e Federación de Cerdedo (CNT).
- Julio Espiñeira Iglesias (Castro do Medio). Membro destacado do PSOE.
- Antonio Quibén Simal (Loureiro). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT).
- Perpetuo Sieiro Torres (Loureiro)
- Benigno Tato Cadórniga (Loureiro). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT).
- Jesús Corral (Loureiro)
- Higinio Portela (Loureiro). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e cadro sinalado da “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT).
- Raimundo Pereira Fuentes (Laxoso). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e Federación de Cerdedo (CNT).
- José Pose Pérez (Laxoso).
- Francisco Álvarez Rodríguez (Laxoso). Foi Comisario Político ¿PCE?.
- José Otero Peleteiro (Piñeiro). “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `La Alianza´” de Quireza, integrada na Federación de Cerdedo (CNT).
- Manuel Varela Piñeiro (Vilarchán).
- Ramiro Umia (Serrapio).
Falecidos a maioría deles na defensa de Madrid. Outros nas frontes de Extremadura,Talavera, Guadalajara ou en Asturias.
C) Falecidos do bando republicano na inmediata posguerra a causa das feridas de guerra ou das mutilacións :
- Manuel Simal Penelas (Figueroa), “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). Preso ao rematar a guerra, morreu aos poucos na súa localidade natal debido ás feridas de guerra.
- Agustín Obelleiro Gamallo (Figueroa), “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e cadro sinalado da “Sociedad `El Trabajo´”, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). Suicidouse na súa localidade natal, desesperado debido á minusvalía provocada polas mutilacións que lle imposibilitaban para o traballo sen recibir ningunha pensión.
- Severo Rodríguez (Vilar), preso ao finalizar a contenda e liberado por estar en estado terminal, morreu na súa localidade natal.
D) Algúns asasinados de outros concellos na Abelera durante a Guerra Civil :
- Un pintor, posiblemente José González Valeiras de Señorín (O Carballiño), que traballaba no “Gran Taller de Mecánico de Carrocerías `Avelino Piñeiro´” de O Carballiño. Asasinado pola Falanxe de O Carballiño (“Narizán”, “Colón”...) 1936.
E) Asasinados na posguerra vencellados á guerrilla :
- 2 homes novos, asasinados entre 1947 e 1950 pola Garda Civil no monte de Porriñeiras (Figueroa), logo de apresalos entre A Baiúca e A Portela (fronteira entre A Estrada e Forcarei), lugar de paso dos guerrilleiros. Viñan fuxindo dende a zona de Vigo.
- Outros feitos relacionados coa guerrilla: Don Lisardino, crego de Castro a fins do anos 40 e tío de Ramiro Lois Ventín, foi considerado sospeitoso de axudar á guerrilla e recibir aos guerrilleiros na súa rectoral, de maneira que esta foi rexistrada pola Garda Civil en varias ocasións naqueles anos.
* Encadeados, perseguidos e exilados: notas para unha primeira achega
- Francisco Varela Buesa, “Don Paco”, mestre nacional en Cerdedo e o militante máis destacado do PSOE cerdedense, da FETE-UGT. Condenado a morte en 1936, logo conmutada por trinta anos. Expulsado do seu emprego en 1940, puxo escola en 1944 para os fillos dos carrilanos en Campobecerros (A Gudiña).
- Benigno Simal Penelas, cadro sinalado da “Sociedad de Agricultores y Obreros `El Trabajo´”, de Figueroa, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). Detido con Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias nun primeiro intre, logrou fuxir salvándose dunha morte segura. Exilado no Río da Plata, Arxentina, onde morreu.
- Luciano García Ventín, PSOE, fuxido nos primeiros meses da contenda, cando era un dos máis buscados polos falanxistas para asasinalo. Logo, estivo preso varios meses e sofreu, segundo Antonio Rodríguez Fraiz, “moitas persecuciós e aldraxes” por parte dos elementos franquistas.
- Aniceto Obelleiro. Dirixente da “Sociedad `El Trabajo´” de Figueroa, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). Preso nun primeiro intre en Cerdedo, salvouse dunha morte segura por un parente falanxista que conseguiu que o desterraran a Burgos.
- Severino Bugallo Valiñas, Cerdedo, tesoureiro do Concello, Secretario de Izquierda Republicana en Cerdedo. Preso nun primeiro intre, foi enviado por mandato do Tenente Coronel Rogina (xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra) dirixido aos falanxistas de Cerdedo, ao cuartelillo de Pontevedra xunto con Torres, Taberneiro, Cortizo, Garrido e González, para ser asasinados o 11 de agosto de 1936. Salvouse polo seu cuñado Vicente “O da Carteira”, xefe de Falanxe en Soutelo, que fixo que alguén o reclamase pouco antes de darlles o paseo, meténdoo nunha fonda aconsellándolle non saír para evitar que lle asasinaran. Logo dun tempo fuxido na Chamadoira e no Monte do Seixo, consigue embarcarse co seu irmán Sabino a Cuba por Vilagarcía, pasando logo aos EEUU. Voltou á zona republicana coas Brigadas Internacionales e estivo destinado en Salou (Tarragona). Rematada a guerra, foi internado no campo de Argelés, en Francia, de onde fuxe a Bordeaux e participa na resistencia contra os alemáns. Preso e deportado a España, salva do fusilamento mercé a un irmán falanxista. Pasa arredor de sete anos en diversos internados, entre eles San Simón.
- Sabino Bugallo Valiñas, de Castro, comerciante, do PSOE. Dirixente da “Sociedad de Agricultores y Canteros” de Castro. Fuxido no monte dende o primeiro intre. Fuxe co seu irmán a Cuba dende o porto de Vilagarcía. Logo se translada a Buenos Aires, onde morreu.
- Amancio Simal Sieiro (Castro do Cabo). Tenente do Exército Republicano. Ferido nunha perna e prisioneiro ao rematar a guerra, zafou por pouco da morte xa que ao ser feito prisioneiro queríano botar por un barranco. Salvado por un veciño Nilo Sieiro Sieiro, de Castro, que era falanxista e Alférez Provisional.
- Laudelino Bugallo, (Os Castros-Quireza), canteiro, “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid e membro sinalado da Federación de Cerdedo (CNT). Preso logo de rematar a guerra que fixo no Exército Republicano en Madrid, perseguido e maltratado polo falanxista Ramón Bao cando voltou a Cerdedo.
- Rogelio Arca Rivas, “Sindicato Único del Ramo de la Construcción” de Madrid (CNT) e “Sociedad `El Trabajo´” de Figueroa, integrada na Federación de Cerdedo (CNT). Fixo a guerra no Exército Republicano; ao rematar estivo varios meses preso nun campo de concentración en Teruel e nunha Compañía de Revisión. Logo, obtivo a liberdade condicional e debeu presentarse a diario no cuartelillo da Garda Civil. Daquela, segundo as súas lembranzas, aos que loitaran no bando republicano “non se lles tiña en conta para nada, non eran ninguén...”.
- Francisco Bugallo, de Loureiro, idem.
- José Diz, de Figueroa, idem.
- Manuel Diz, de Figueroa, idem.
- José Mª Vilas, de Figueroa, idem.
- Xosé Otero Espasandín, de Castro. Profesor e escritor, residente durante a IIª República en Madrid, onde dirixiu a revista P.A.N. Simpatizante do PCE. Participou na guerra no bando republicano e formou parte da Alianza de Intelectuales Antifascistas. Pasou polo campo de concentración de Argelés, no Mediodía francés, e logo estivo exilado en Gran Bretaña, Arxentina e EEUU, onde faleceu tras realizar un meritorio labor cultural.
- Manuel Espasandín, de Quireza?, exilado en Francia, logo de loitar no Exército Republicano. Estivo no campo de concentración de Argelés e foi internado polos alemáns en Mauthausen, logrando sobrevivir. Morre no exilio.
- Jesús Bugallo Merza, de Deán, tío de Francisco Bugallo, membro sinalado da “Sociedad `El Trabajo´” de Figueroa, exilado en Arxentina.
- Manuel Bugallo Merza, de Deán, irmán do anterior, dono dun serradoiro na Barciela (Castrelo-Forcarei) que foi incautado. A súa muller maltratada polos falanxistas. Tivo que se exiliar a Arxentina.
- Francisco Obelleiro, Os Castros-Quireza, entobado na súa casa durante a Guerra Civil durante moito tempo. Constantes malleiras á súa muller para que o delatara.
- Constantino Simal Simal, mestre nacional na Botica-Quireza, membro destacado da “Sociedad de Agricultores y Obreros `La Alianza´” de Quireza. Foi perseguido, apaleado en Sabucedo e a piques estiveron de darlle o paseo. Salváronno o primeiro alcalde franquista, Gerardo Lorenzo, de Quireza e o párroco. O seu pai, José Simal, tivo que se agachar nunha palleira e nun muíño no Castro do Medio logo de unha tentativa de asalto á sua casa de Castro.
- José Carballo Quintillán, mestre nacional en Tomonde e dirixente da “Sociedad de Trabajadores y Oficios Varios”. Depurado do seu cargo e internado varios anos no penal da Illa de San Simón. Negouse a recuperar a súa escola cando, anos despois, llo ofertaron.
- Daniel Obelleiro, mestre nacional, depurado do seu cargo?.
- José Alonso Arenas, mestre nacional en Folgoso, suspendido e expulsado do seu cargo en 1940.
- Carolina Camiña, mestra nacional en Barro, suspendida do seu cargo en setembro 1936.
- David Fernández, mestre nacional en Serrapio, suspendido do seu cargo en setembro 1936.
- Angel Lino Rodríguez?, mestre nacional en Bugarín, suspendido do seu cargo en setembro 1936.
- Claudino Vidal, mestre nacional en Pedre, suspendido do seu cargo en setembro de 1936.
- Luis Toimil, mestre en Cerdedo, perseguido e exilado.
- Manuel Sueiro Iglesias, de Limeres, carpinteiro e logo mestre radicado dende 1919 en Verín e, máis tarde, en Ourense, onde dirixiu un centro privado de ensino, a coñecida “Academia General”. Militante do Partido Radical Socialista e colaborador da progresista “Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense” (ATEO). Tivo que se agachar en Limeres tras o alzamento militar para evitar o seu asasinato; aínda así, o día 12 de agosto de 1936 varios falanxistas ouensáns desprazáronse a Cerdedo para reclamar a súa entrega por parte da Garda Civil, ao que se negou o sarxento Anselmo Sánchez sabedor do seu paradoiro. Sofreu a incautación da súa academia e da súa conta bancaria en Ourense. Logo de dous anos protexido polos veciños, entregouse e pasou algúns meses na cadea de Ourense, sendo sometido posteriormente a expediente de depuración e inhabilitado para a docencia.
- Xosé Regueiro Otero, de Tomonde, xastre, do PSOE. Condenado a morte por desertar do exército nacional. Salvou a vida por intermediación do crego Antonio Rodríguez Fraíz.
- Moreiras, de Tomonde, sofreu numerosas malleiras logo do 18 de Xullo.
- Teófilo Otero Valiñas, de Castro, concelleiro na Fronte Popular, condenado a 20 anos de reclusión por axuda á rebelión. Estivo preso maiormente na illa de San Simón entre o 30 de setembro de 1936 e o 18 de xullo de 1940, data na que saíu en liberdade provisional. Foi obxecto de expediente de responsabilidades políticas no ano 1940.
- Severino Simal Iglesias, de Filgueira, obxecto de responsabilidades políticas en 1940.
- Manuel García Fondós, de Vilalén, foi obxecto de responsabilidades políticas en 1940. Tras o golpe militar, pasou á zona republicana por Portugal dende o tramo do camiño de ferro de Lubián (Zamora), onde traballaba. Foi oficial do Exército republicano e sofreu incautación do seu patrimonio.
- José Rodríguez Quintillán, de Tomonde, internado un ano na Illa de San Simón.
- ¿? García, de Quireza, cuñado de Martín Ferreiro, axudóulle a fuxir a Portugal, polo que foi detido e internado un tempo no penal de a Illa de San Simón.
- Julio López Fondós, canteiro, dirixente da “Sociedad de Agricultores y Canteros” de Castro, PSOE. Fixo a guerra no exército republicano. Internado nun campo de concentración en Francia, voltou a España voluntariamente, pasando a outro campo de internamento (¿Miranda de Ebro?). Os familiares tentaron sacalo mediante unha carta do crego de Castro, que, en realidade, presentábao como un orador e activista político destacado. Saíu do campo mercé un aval do Alcalde franquista, Gerardo Lorenzo.
- Manuel Nieto Castro, dirixente da “Sociedad `La Luz´” de Bugarín, andivo fuxido moito tempo no monte. Moi perseguido por Bao e Alonso, confiscáronlle o automóvil.
- Avelino Fraga Alonso, directivo da “Sociedad Agraria y Obreira `La Alianza´” de Quireza, antigo concelleiro, andivo fuxido moito tempo.
- Avelino Alonso Rivas, de A Devesa, estivo varios anos na cadea.
- Cesáreo Álvarez Fortes, albanel de Cerdedo, PSOE, emigrado en Asturias durante a IIª República. Condenado a 20 anos de prisión e internado no campo de concentración de Camposancos.
- Antonio Mariño, A Insua, canteiro, participou na Guerra Civil no Exército Republicano, preso ao remate da contenda na cadea de Lugo.
- Julio Otero, de Tomonde, estivo no Exército Republicano na zona de Castellón. Logo da contenda, pasou un tempo nun Batallón Disciplinario.
- Laureano Troitiño, de Cerdedo, idem.
- O ferreiro de Carballás: Mallado polos falanxistas de Cerdedo.
- Andrés do Rato ¿?: Mallado polos falanxistas de Cerdedo.
- Sieiro : de Deán, mallado por Bernardino Torres “o ferrador”.
- Antonio e Agustín Carballal: irmáns, de Serrapio, se enrolaron no exército republicano en Madrid e despois da derrota estiveron presos na cadea de Lugo, de onde se fugaron. Logo, estiveron moi perseguidos.
- “O Gaiteiro” de Abelaindo (¿José da Gaiteira?): Queimáronlle a casa.
- Armando Barros Barros: de Pedre, canteiro, ideas espiritistas e concelleiro en 1936. Perseguido.
- Fernando Gandos: de Pedre, ferreiro, recibiu a visita dos falanxistas para ser paseado, pero escapou ao monte onde botou tempo agachado. A súa fragua rexistrada para a procura de armas.
- Os da Carme de Gomallal: pai e fillo, de Pedre. Seica eran masóns, foron perseguidos e o fillo tivo que fuxir a Brasil con papeis falsificados.
- Isolino Raposeiras: de Vilalén, canteiro, fundador da “Soc. de Trabajadores y O.V.” de Tomonde, concelleiro entre 1931 e 1936, perseguido.
- Manuel Monteagudo : de Castro, procesado en Ferrol (onde facía a mili por Mariña), Causa 207/36, por facer garda no Concello de Fene. Logo se agachou en Castro ata que o alcalde Gerardo Lorenzo dóulle un certificado de boa conducta, reincorporándose ao Exército.
* A modo de conclusións
1º) Pouco se ten dito, até agora, do custo humán sofrido en determinadas zonas de Galiza (aquelas onde boa parte da poboación masculina desenvolvía oficios itinerantes, de maneira que o comezo da guerra colleu a estas capas en territorio leal á República ( )), respecto dos veciños falecidos tras participar na Guerra Civil no bando republicano. A importancia numérica das defuncións e as rabexadas represivas posteriores á Guerra Civil, fican ben ás claras nos apuntamentos anteriores, e ben puidera aplicarse o “modelo cerdedense” a outras zonas do país nas que coincidiron unhas circunstancias semellantes.
2º) A represión mortal, fora de casos singularizados, foi selectiva e acadou a súa máxima brutalidade nos cidadáns máis comprometidos e conscentes: os dirixentes das sociedades agrarias e obreiras integradas na cenetista “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo”, os combatentes máis destacados no bando republicano procedentes da devandita Federación, as autoridades republicanas pertencentes aos grupos municipais presentes na Corporación, e os militantes máis activos e capacitados do PSOE. Como caso singular, cabe subliñar o cruel episodio da familia Ventín, cuxo asasinato foi xustificado pola súa hipotética e destacada participación nos enfrontamentos acontecidos na Gudiña entre os traballadores da vía férrea coa Garda Civil e o Exército faccioso ( ). Cos asasinatos e persecucións, os novos detentadores do poder procuraron reducir á categoría de súbditos á cidadanía máis consciente, e que ese carácter exemplarizador da represión perdurara (como así aconteceu) no futuro. Nas lembranzas dos habitantes de Pedre e Figueroa, transmitidas ás agachadas de pais a fillos, aínda aboia o terror que causaron os berros de Francisco Arca e Secundino Bugallo, cando eran bárbaramente torturados na Ponte do Barco antes de morrer ( ). E se as mortes non foron máis, non se debeu a outra cousa que a “disfuncións” na eficacia letal das partidas de asasinos.
3º) A nivel territorial, houbo unha zona especialmente castigada, os lugares de Figueroa e Loureiro, moi próximos entre si e pertencentes á parroquia de San Martiño de Figueroa. As razóns fican expostas na Nota 3; non obstante, debemos enfatizar encol da importancia que sobre a maior ou menor intensidade e brutalidade da represión, exerceu o posicionamento dos cregos. Alí onde asumiron un papel comprometido coa barbarie, caso de Castro e San Martiño de Figueroa, esta resultou dunha intensidade aterradora. Non obstante, onde empregaron a súa autoridade moral para impedir as represalias, caso dos párrocos de Pedre e Quireza, estas tiveron un xorne máis livián.
4º) Aínda que a represión cebóuse na poboación masculina ( ) por ser a monopolizadora do activismo sociopolítico no concello, non podemos dicir o mesmo respecto do papel dalgunhas falanxistas da vila de Cerdedo, máis tamén de Quireza, moi activas no seu papel de instigadoras dos abusos e represalias ( ).
5º) Cumpriría botar máis luz sobre o acontecido no sinistro lugar da Abelera, onde segundo certos indicios pode haber fosas comúns onde fican represaliados dados por desaparecidos, xa que todo apunta a que alí tiveron lugar asasinatos de persoas provenientes doutros concellos pontevedreses e ourensáns. Polo que sabemos, as partidas do sanguinario Víctor Lis Quibén frecuentaron A Abelera, xa que era unha zona que ben puideramos denominar “terra de ninguén”, onde nin a Garda Civil dos postos de Cerdedo e de San Xurxo querían saber nada do que alí acontecía.
6º) Podemos enxergar a partir das cifras aportadas o custo que tivo a Guerra Civil, tanto no senso cuantitativo como no cualitativo, para un pequeno concello rural como era Cerdedo: máis de 70 mortos en ambos bandos, e unha morea de represaliados con penas de cadea, malos tratos, expulsión dos seus traballos (no caso significativo dos mestres), exilio, incautacións de bens ou persecucións varias; eiquí tan só desvelamos a punta do “iceberg”, posto que, de seguro, foron moitos máis. Ao cabo, debemos sinalar que tamén no bando nacional houbo xente inxustamente esquecida: os 17 soldados do exército franquista dados por desaparecidos e que non figuran na placa que aínda hoxe está pendurada da parroquial de Cerdedo; daquela, as súas familias non cobraron unha chica do novo Estado redentor.
Dionísio Pereira
Vilar (Cerdedo)
*Fontes
Bibliografía.-
- Arca Rivas, R. Año 1936-1939. Guerra Civil Española. Madrid. Diario. Manuscrito, Figueroa-Cerdedo.
- Dasairas, X. “Mestres ourensáns represalidos polo franquismo”, in “A Trabe de Ouro, nº 14, Abril-Xuño 1993, Ed. Sotelo Blanco, Santiago.
- Cid Fernández, X.M. Educación e ideoloxía en Ourense na IIª República, Universidade de Santiago de Compostela, 1989.
- De la Granja Fernández, P. Represión durante la Guerra Civil y la posguerra en la provincia de Zamora. Zamora, Instituto de Estudios Zamoranos “Florian de Ocampo”, 2002.
- Heine, H. A guerrilla antifranquista en Galicia. Vigo: Edicións Xerais,
1980
- Lamela, L. A Coruña, 1936: Memoria convulsa de una represión. Sada-A Coruña: Edicións do Castro, 2002.
- Pereira, D. “O agrarismo en Cerdedo: unha fe de vida” in Boletín “Verbo Xido”, nº 2, Setembro 2002, Soutelo de Montes.
- Pereira, D. “Forcarei visto a través do periódico “Acción Social”” in Boletín “Verbo Xido”, nº3, Decembro 2002, Soutelo de Montes.
- Pereira, D. “Os represaliados na Guerra Civil en Cerdedo” in Boletín “Verbo Xido” nº 4, Maio 2003, Soutelo de Montes.
- Pereira, D. Xosé Otero Espasandín: Vida e pensamento dun cerdedense desterrado, “Verbo Xido”, Soutelo de Montes, 2004.
- Porto Ucha, A. S. O maxisterio pontevedrés na II República, Guerra Civil e Franquismo. Alén Miño Edicións, Ponteareas, 2003.
- Prada Rodríguez, J. Ourense, 1936-1939. Alzamento, Guerra e Represión, Ed. do Castro, Sada-A Coruña, 2004.
- Rodríguez Fraiz, A. Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez. Pontevedra: Comisión de Cultura da Deputación de Pontevedra e Concellos de Cerdedo e Forcarei, 1982.
- Silva Ferreiro, M. Galicia y el Movimiento Nacional. Santiago: Seminario Conciliar, 1938.
Xornais.-
- “Galicia Libre”, voceiro da “Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios”, Madrid-Valencia, 1937-39.
- “Faro de Vigo”, ano 1940.
Entrevistas.-
- D. Rogelio Arca, Figueroa.
- D. Agustín Domínguez, Tres Aldeas.
- D. José Bugallo, Os Castros-Quireza.
- D. Manuel Monteagudo, Castro.
- D. Severino Rascado, Mamoalba.
- D. Lino Lema Bouzas, Santiago.
- Dña. Remigia Moa, Piñeiro.
- D. José Cadavid, Cerdedo.
- D. Julio López, Castro.
- D. Vicente Bugallo, Cerdedo.
- Dña. Mª del Carmen Obelleiro, Figueroa.
- D. Adolfo Regueiro, Tomonde.
- D. Miguel Pose, Pedre.
- D. Manuel Ricoy, Limeres.
- D. Bonifacio Ferrón, Castro/Pedre.
- D. José Sueiro, Ourense/Limeres.
NOTA: Datos aportado por Dionísio Pereira