- O excelente e quirúrxico traballo do
dr. Presedo Garazo, que se cita arriba, ven a poñer a "puntilla" sobre erros e invencións, máis ou menos recorrentes, formuladas arredor de pretendidos (que non verdadeiros) persoeiros desta Casa. Estas confusións xenealóxicas (de nomes, títulos, cronoloxía, etc.), revestidas de certo aire de autoridade histórica, foron comúns tanto neste como noutros tantísimos casos, e circularon con profusión en numerosos nobiliarios máis ou menos antigos, copiándose uns a outros e repetíndose ata a saciedade. Pero, o pior veu e ven cando eses datos, pouco ou nada fiables, foron ou siguen a ser utilizados ledamente por historiadores e xenealoxistas modernos, que non se pararon ou non se paran en analizar o que había de rigor nas aseveracións anteriores. Dese xeito, resulta penoso e lamentabel que na actualidade -malia dos moitos, bos e documentados traballos publicados nos últimos anos, que desmitifican e invalidan anteriores téses- todavía se faga caso e, o que é máis grave, que se citen como válidas e acertadas a xenealoxías trasnoitadas e carentes da validez e da rigorosidade histórica que se necesita e que, en tantísimos casos, se bota de menos. Obras, en fin e en non poucos casos, de persoas carentes dos coñecementos, datos válidos e contrastados, así como de documentación suficiente, onde poideran/deberan cimentar as súas hipóteses ...
- Velaquí a saga da
Casa de Montaos, segundo se demostra por documentos, e segundo aparecerá prontamente publicada nun traballo da miña autoría (do que extracto e resumo o seguinte).
---------------------------------------------------------------------------------
"A Casa de Montaos entre os séculos XV a XVII". Fernando Dopico Blanco, 2009.
* (I) PEDRO BERMÚDEZ PREGO (s. XIV).
- Na ínqueda Galicia señorial de mediados do século XIV,
Pedro Bermúdez Prego aparece como Señor de Montaos e Dubra. No ano 1367, é un dos cabaleiros da terra de Santiago chamados polo afamado
don Fernando de Castro para acodir a unha expedición bélica en terras andaluzas. Poucos datos máis se localizan na actualidade sobre este persoeiro. Por outras fontes sabemos que o seu enterramento se localizaba no convento de Santa Clara de Santiago, e que tivo por fillos ós seguintes:
1.- García Prego de Montaos, que segue.
2.- Constanza Páez, que casou con
Xoán Varela, a quenes o referido
Pedro Bermúdez Prego fixo doazón do couto e terra de Dubra, con todo o seu señorío e herdamentos . Deste matrimonio quedaron por fillos:
2.1.-Pedro Varela de Dubra, que foi Señor de Dubra. Casou con
Aldonza Afonso, da que non houbo sucesión. Tivo dous fillos naturais -
Lopo e
Xoán- ós que legou uns casares en Bembibre.
Pedro Varela outorgou testamento en Dubra o 04/01/1424, con corroboración xudicial do 06/02/1424, no que deixaba como herdeiro ó seu curmán
Pedro Bermúdez de Montaos (v. abaixo). Foi enterrado no convento de Santa Clara, onde estaba o seu pai.
2.2.-Dona Aldonza Afonso Varela, monxa en Santa Clara de Santiago, que herdou do seu irmán o couto de San Martiño de Abeancos -tralo seu pasamento quedou para o convento de Santa Clara-. No ano 1424 outorgou notarialmente a cesión dos bens e señorío de Dubra ó seu devandito curmán
Pedro Bermúdez, segundo que seu irmán
Pedro Varela xa o deixara así disposto no testamento, que non se poidera formalizar no intre por falta de notario.
* (II) GARCÍA PREGO DE MONTAOS († c.a. ¿1400?).
- Se existe sombra documental sobre
Pedro Bermúdez Prego, outro tanto ocorre co seu fillo e sucesor
García Prego, que foi Señor de Montaos e da torre de Lestrobe. Finou cara a comenzos do século XV e foi enterrado no mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago. Casou con
dona María de Limia, da que tivo por fillos a:
1.- Pedro Bermúdez de Montaos 'o vello', que segue.
2-. Dona Tareixa de Montaos, que casou con
Ares Pardo das Mariñas, con sucesión -liñaxe dos Mariñas-.
* (III) PEDRO BERMÚDEZ DE MONTAOS 'o vello' († 1445).
-
Cavaleyro vasalo de noso sennor el Rey, Señor de Montaos e de Penaflor. Foi tamén Señor de Dubra por herdanza que lle deixou o seu curmán
Pedro Varela, como xa quedou dito atrás. Casou con
dona Leonor de Castro -unha das fillas de
don Afonso de Castro e de
dona María Ramírez de Guzmán, Señores de Castroverde-.
-
Pedro Bermúdez 'o vello' outorgou testamento en Santiago de Compostela o 24/05/1445, sendo enterrado cabo do seu pai na capela que posuían en San Martiño Pinario. Por este documento sabemos que tivo os seguintes fillos do seu matrimonio con
dona Leonor:
1.- Pedro Bermúdez de Montaos 'o gafo / o mozo', que segue (v. abaixo).
2.- Don Fernando Bermúdez de Castro, Deán da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, que sucedeu ó seu irmán
Pedro no señorío de Montaos, tras o pasamento déste sen descendencia (v. abaixo).
3.- Dona María [Bermúdez] de Castro e de Montaos († 1502), que casou co capitán irmandiño
Alonso de Lanzós († 1480) -en segundas nupcias deste señor-, con sucesión (v. Fernando DOPICO BLANCO, “Prolegómenos, fundación e transmisión dos morgados de Baltar e San Sadurniño (séculos XV ao XVIII)”, en
Cátedra nº. 13, Pontedeume, 2006).
4.- Dona Isabel de Castro.
5.- Dona Beatriz de Castro.
* (IV) PEDRO BERMÚDEZ DE MONTAOS 'o gafo / o mozo' (~ 1430 / † 1462).
- Cabaleiro e Señor de Montaos, Penaflor e Dubra. Polo referido testamento do seu pai, sabemos que no ano 1445 todavía non chegaba ós dezaseis anos. A súa minoridade, que durou pouco, estivo titelada pola súa nai
dona Leonor. Ainda que con certos matices, que se revelan un tanto confusos sobre o particular e con toda a lóxica precaución, semella que podemos propoñelo como casado con
dona Ventura de Leiba. Agora ben, o que si está claro, dende logo, é que non tivo descendencia lexítima habida en matrimonio.
- Este
Pedro Bermúdez foi un cabaleiro prototipo de comportamento rebelde e belicoso da nobreza galega no século XV. Mantivo graves disputas e disesións co Arcebispo de Santiago
don Rodrigo de Luna, chegando ó enfrontamento armado en ocasións no intento de sacudirse do xugo arcebispal, e non dubidando en aliarse con inimigos do prelado.
-
Pedro Bermúdez 'o gafo' finou relativamente novo na vila de Pontevedra, no mes de novembro de 1462, pouco despois de outorgar testamento. O seu enterramento estaba na capela familiar de San Martiño Pinario, segundo testemuñaba anos máis tarde a súa irmá
dona María. Os seus estados e bens pasaron ó seu irmán
don Fernando Bermúdez de Castro 'o deán', que segue.
* (V) Don FERNANDO BERMÚDEZ DE CASTRO 'o deán' (~ 1435 / † 1515).
- Coa desaparición do belicoso
Pedro Bermúdez 'o gafo', se impón un novo
modus faciendi na Casa de Montaos. O seu sucesor, crego de ordes maiores, culto, maquiavélico por intres, oportunista e, sen dúbida, ambicioso, trazou un cámbeo de rumbo para Casa de Montaos. Co novo director de orquestra, a forza rudimentaria das armas vai ser sustituida pola sutil política pacega, a todos os niveis. O novo Señor de Montaos habería de chegar ás máis altas instancias -os Reis e o Papa- onde faría valer os seus argumentos en varias ocasións. Fixo carreira relixiosa, sendo Arcediago de Nendos, Prior de Cambre e Deán da colexiata de Santa María do Campo da Coruña.
- Sen embargo do seu estatus relixioso,
don Fernando tivo ó menos tres fillos naturais que saibamos, e que foron:.
1.-
Don Pedro Bermúdez de Castro, que segue (v. abaixo). Foi lexitimado polos RR. CC. o 18/11/1489. Cinco anos despois, o 12/01/1494, seu pai lle facía doazón da Casa e señorío de Montaos, por vía de morgado regular. Máis tarde, o 09/02/1504, o mesmo
don Fernando fundaba o vínculo e morgado -sensu estricto- a favor do referido
don Pedro e seus descendentes, que comprendía os estados, casas, xurisdicións e bens de Montaos, Penaflor, Dubra, Vilaprego e Silván, con máis os casares de Vilamartín e coto de Coiro, porto de Carril, Val de Louriñá e casas principais en Santiago e A Coruña.
2.- Dona Leonor, citada expresamente no testamento do seu pai, á que lega dez mil maravedís.
3.- Diego de Silván, do que se da conta de súa filiación polo seu irmán
don Pedro Bermúdez de Castro, no testamento déste, ó que lega vinte mil maravedís de rendas en beneficios eclesiásticos.
- Por último, queda resinar que
don Fernando Bermúdez 'o deán' outorgou testamento no seu pazo de Caión o 11/01/1515, polo que refrendou as súas anteriores disposicións sobre o morgado de Montaos e polo que instituía por universal herdeiro ó seu citado fillo lexitimado
don Pedro. Mandou que o enterrasen na Colexiata de Santa María do Campo, onde se conserva o seu mausoleo e onde se atopan moi ben definidas as armas que portaban os Señores da Casa de Montaos no século XV.
* (VI) Don PEDRO BERMÚDEZ DE CASTRO († 09/08/1529).
- A herdanza de
don Fernando non deixou de pasar facturas gravosas ó seu fillo herdeiro. Así, no ano 1507
don Pedro outorgaba na Coruña unha escritura de concordia coa súa curmá
dona Inés de Castro e Lanzós e seu marido
Fernando de Andrade, Señores de San Sadurniño, polo preito que tiñan pendente sobre a pertenza e dereitos cabo do señorío de Montaos, Penaflor e Val de Louriñá. No ano 1522
Rodrigo Soneira de Riobóo, veciño da Coruña, vendíalle por oitenta ducados de ouro a
don Pedro o señorío e vasalos que lle pertencían na freguesía de San Lourenzo de Berdillo, ademáis de terras, casares e outros bens.
-
Don Pedro Bermúdez de Castro casou en primeiras nupcias con María Fernández Varela [de Andeiro], filla única do rexedor coruñés
Xoán de Andeiro e de
Constanza Fernández.
-
En segundas nupcias, casou con dona Violante de Andrade e das Mariñas, filla de
Diego de Andrade e de
dona María de Haro e das Mariñas, Señores da Casa de Andrade.
- Chegados a este punto, compre poñer en claro a orde e secuencia destes dous matrimonios do Señor de Montaos, xa que en moitos traballos atópanse alterados, confusos e descontextualizados. O feito, real, foi que
don Pedro divorciouse de María Fernández Varela, coa anuencia e beneplácito do seu pai o deán
don Fernando. De xeito que éste, no ano 1504, outorgaba a xa citada doazón de bens e fundación de morgado a favor do seu fillo para que casara con
dona Violante de Andrade, segundo di que tiña concertado de antemán con
dona María das Mariñas, nai de
dona Violante. Porén, no ano 1505 se atopa o preito entre
don Pedro e a súa primeira muller, onde ésta lle esixe a devolución de dote.
- Xa no ano 1510,
Don Pedro gañou unha Real Provisión do Emperador Carlos, que o facultaba para agregar diversos bens ó morgado. Trece anos máis tarde, o 15/06/1523, outorgaba testamento pechado no seu pazo de Lestrobe, polo cal incorporaba ó morgado de Montaos a fortaleza e pazo de Caión, xunto co seu porto, freguesías, vasalaxe e xurisdición, entre outros. No seu testamento mandaba que o enterrasen na capela familiar en San Martiño Pinario, engadindo que a fixera "labrar"
ex novo.
- Fillas do primeiro matrimonio de
don Pedro Bermúdez con
María Fernández Varela foron:
1.- Dona Tareixa de Castro e Andeiro, que casou en primeiro matrimonio co licenciado
Roi Martínez de Carballido, de quen houbo dous fillos. Un foi
Fernando de Castro, que finou antes que a súa nai. O outro chamouse -ó igual que o seu pai-
Roi Martínez de Carballido, a quen a dita dona Tareixa lle legaba no seu testamento a ¼ parte da facenda do licenciado Carballido en concepto de alimentos e dous mil cincocentos maravedís de xuro vello sobre os bancos da Pescadería de A Coruña, así como unhas casas grandes na mesma cidade que foran de Xoán de Andeiro -avó materno de dona Tareixa- e, asemade, certas herdades na freguesía de Andeiro e outros bens. En segundas nupcias,
dona Tareixa casou con
García Prego de Montaos, de quen houbo por fillas a
dona Francisca e a
dona Lucía. Esta última casou cun
Fernán Pérez Parragués. A referida
Dona Lucía de Castro outorgou testamento en Santiago o 03/02/1562, deixando por herdeiro e sucesor ó seu medio irmán
Gonzalo Prego de Montaos, fillo natural de
García Prego habido en
Felipa González.
2.- Dona Xoana de Castro, monxa no convento de San Paio de Antealtares.
- Fillos de
don Pedro Bermúdez e da súa segunda muller
dona Violante de Andrade foron:
1.- Don Fernando Bermúdez de Castro II, que segue.
2.- Don Martín Bermúdez.
3.- Dona María Bermúdez de Castro, monxa.
4.- Don Diego de Andrade.
5.- Don Antonio Bermúdez de Castro, que sucedeu ó seu irmán
don Fernando tras o pasamento deste sen descendentes.
6.- Don Gómez Bermúdez de Castro, que casou en Italia con
dona Camila Carrafa. Deste matrimonio foi filla
dona Beatriz Bermúdez de Castro e Carrafa (v. abaixo).
7.- Dona Isabel de Castro , monxa no convento de Santa Bárbara de A Coruña.
8.- Dona Leonor de Castro, monxa no convento de Santa Bárbara de A Coruña.
* (VII) Don FERNANDO BERMÚDEZ DE CASTRO II († 1570).
-
Cavallero Comendador en la Orden de Santiago.
- No ano 1526 recibiu da súa irmá
dona Xoana a renuncia e traspaso das lexítimas paterna e materna, para que as poidese agregar ó morgado.
- Casou con
dona Xoana de Zúñiga, da que non houbo sucesión.
-
Don Fernando outorgou testamento pechado en Caión o 23/11/1569, aberto e publicado o 23/08/1570, polo que instituía como seu sucesor no morgado ó seu irmán
don Antonio, que segue. Entre as derradeiras vontades,
don Fernando manda que o enterren
en el monesterio de Nuestra Senora del Socorro dela Orden del senor Santo Agustín de mi villa de Cayón, que yo en ella fundé, en la capilla mayor del dicho monesterio (...).
* (VIII) Don ANTONIO BERMÚDEZ DE CASTRO († 1573).
- Gobernou durante moi pouco tempo a Casa de Montaos como sucesor do seu irmán
don Fernando. Ordeado sacerdote,
don Antonio finou sen descendencia.
- No inmediato transcurso dos anos posteriores ó pasamento de
don Antonio, tivo lugar unha espectacular disputa polo morgado da Casa de Montaos. Por unha parte,
don Pedro de Andrade e Castro, III Señor de San Sadurniño, apoderouse dos bens de Montaos alegando a súa condición de parentesco (que lle viña pola súa visaboa
dona María de Castro e de Montaos) e, asemade, invocando unha cláusula do testamento de
don Fernando Bermúdez de Castro II. No mesmo interim,
dona Beatriz Bermúdez de Castro e Carrafa presentou demanda perante a Real Chancillería de Valladolid, sostendo os seus mellores dereitos na titularidade da casa pola súa calidade de sobriña dos referidos
don Fernando e
don Antonio, e por ser filla de
don Gómez Bermúdez de Castro, irmán dos anteriores (v. arriba). A sentenza da Real Chancelería resolveuse o 14/06/1575 a favor de
dona Beatriz, pola que se mandaba que fose amparada na posesión dos bens obxecto de reclamación e onde a recoñecían como titular da Casa de Montaos.
* (IX) Dona BEATRIZ BERMÚDEZ DE CASTRO E CARRAFA
- Casou co cabaleiro napolitano
Lelio Grisson. O 30/01/1585
dona Beatriz facía expresa renuncia da titularidade da Casa de Montaos a favor da súa filla maior, que foi
dona Lucrecia (v. abaixo).
* (X) Dona LUCRECIA BERMÚDEZ DE CASTRO E GRISSON († 1589)
- Casou con
don Francisco de Menchaca, fillo do Comendador da Orde de Santiago
don Juan de Menchaca. Nas capitulacións matrimoniais entre
don Francisco e
dona Lucrecia (Valladolid, 18/04/1584), unha das condicións estipuladas era que o referido
don Francisco se houbera de chamar e apelidar Bermúdez de Castro, en adiante … Cabe suliñar que
dona Lucrecia tivo un tráxico fin, morrendo asesiñada o 01/12/1589. Filla primoxénita deste matrimonio foi
dona Beatriz, que segue.
* (XI) Dona BEATRIZ BERMÚDEZ DE CASTRO E MENCHACA († 1626)
- Tralo dramático final da súa nai,
dona Beatriz foi a xovencísima titular da Casa de Montaos, baixo o amparo e administración da súa homónima avóa materna. En 1605 casou con
don Pedro Álvarez de Vega, fillo maior de
don Juan de Vega e de
dona Tomasa Enríquez de Borja, Condes de Graxal. Por este casamento se unificaron os morgados de Montaos e de Graxal, segundo quedara estipulado nas capitulacións matrimoniais de 1605. Fillos deste matrimonio foron:
1.- (XII) Don Juan de Vega Borja Bermúdez de Castro († 1648), Conde de Graxal e Señor de Montaos, Xentilhome de Cámara de S. M. O
08/09/1626 recibiu o título de Marqués de Montaos. Casou con dona
Juana de Borja e Velasco e non tiveron descendencia.
2.- (XIII) Don Francisco Álvarez de Vega Bermúdez de Castro († 1666), Conde de Graxal e II Marqués de Montaos. Sucedeu ó seu irmán
don Juan, tras o pasamento deste sen descendencia.
- Don Francisco tivo tres nupcias.
Do seu segundo matrimonio, con dona Leonor Rodríguez de Villafuerte,
sucederon o seguintes titulares de Graxal e Montaos.
-------------------------------------------------------------------------
- Rogo que en calquer cita/copia que se faga sobre os datos aquí expresados, se poña e cite o meu nome e apelido como autor, e como colaboración de autor en http://www.xenealoxia.org- Gracias.