Víctimas en Sada

Todo sobor da Guerra Civil en Galicia
Respostar
Avatar de Usuario
Lartovedo
Mozo
Mozo
Mensaxes: 16
Rexistrado: 29 Ago 2006, 09:00
Ubicación: Samoedo-Sada

Víctimas en Sada

Mensaxe por Lartovedo » 11 Dec 2007, 20:52

Víctimas da Guerra Civil de Sada e/ou en Sada:
(Para substituír pola información eleborada anteriormente por min e incluída no apartado referente a Sada deste proxecto)

Víctimas mortais da represión golpista en Sada e parroquias:

12/VIII/1936
-Juan Antonio SUárez Picallo (Veloi, Sada, 1907)
-Antonio Carballeira Muñiz (Meirás, 1910)
-Manuel Prego Chas (Meirás, 1907)

1/IX/1936
-José Cadaveira Guimarey (Sada, 1895)
-José Neira Torrado (Sada, 1913)

5/IX/1936
-Gil González Mosquera (Riobao, Sada, 1902)

4/X/1936
-José Gerpe Romero (Santiago, 1900)

Entre o VIII e o X de 1936
-Isidro Santos Burruel (Sada, 1900)

V/1938 (aparecido o 16/VII/1938)
-José Monzo Ríos (Sada, 1906)


Sentenciado a morte e executado na Coruña:

27/XI/1936
-Antonio Fernández Pita (Fontán, Sada, 1888)


Morto en combate (Republicano)

1938
-Ricardo Castro Vidal



Remito ao seguinte texto, publicado en formato de tríptico con motivo da inauguración dun monolito en homenaxe de todos eles o pasado 8/XII/2007:


A II República naceu en Sada coma un alento de vida. Nun único lustro que durou culminaron moitas das aspiracións de cantos querían esparexer entre o pobo chan, e desde o ventre do propio pobo, os dominios dunha cultura libre e dinámica. Os ideais de redención do proletariado cobraron forma física, e os señores do diñeiro viron perigar a súa posición. Proba da enorme riqueza deste tempo é a inxente cantidade de asociacións de todo tipo rexistradas. Desde os enérxicos sindicatos de Sada, Meirás, Carnoedo, Soñeiro e Osedo, vencellados na súa maioría á CNT, ata os grupos libertarios, os partidos políticos republicanos ou galeguistas e as asociacións culturais de todo tipo.
Toda esta forza constructiva, este pulo redentor e revitalizador, quebrouse pola forza mediante a violencia, o terror e, logo, o esquezo. A Guerra Civil en Sada durou horas. O día 23 de xullo do 1936 chegaron as columnas falanxistas desde Betanzos, tomando a vila con facilidade. A mediados de agosto, cando os novos poderes xa están establecidos no Concello, comeza a desatarse a barbarie falanxista, sementando de terror as beiras dos camiños. Aqueles sadenses que se significaran con calquera causa política oposta ao réxime dos sublevados houberon fuxir ou agocharse. Algúns deles serían brutalmente asasinados ou obrigados a morrer.


Juan Antonio Suárez Picallo
Sindicalista, xenial orador, Conselleiro Comarcal do Partido Galeguista, corresponsal de A Nosa Terra e El Pueblo Gallego, fundador e Presidente do Ateneo de Cultura Política y Social de Sada, xenetista vexetal, delegado das Misións Biolóxicas nas Mariñas, etc.

Antonio Carballeira Muñiz
Directivo e fundador da Asociación Agraria de Meirás, do Sindicato de Profesiones Varias de Meirás e do Ateneo de Cultura Política y Social.

Manuel Prego Chas
Membro do Sindicato de Profesiones Varias de Meirás, de Radio Comunista de Sada e directivo da sección de pesca do Sindicato de Oficios Varios de Sada.

Logo de pasaren uns días agochados por Meirás, trasladáronse á Coruña, onde foron delatados e detidos polos falanxistas. Tras seren torturados ante o párroco de Meirás, Benigno Mallo, e para a súa satisfacción, foron asasinados o 12 de agosto do 1936, aparecendo os seus cadáveres en Veigue. Tiñan 29, 26 e 29 anos respectivamente.

José Cadaveira Guimarey
Membro do Sindicato de Oficios Varios de Sada.

José Neira Torrado
Membro do Sindicato de Oficios Varios de Sada.

Ambos foron detidos no cuartel da Garda Civil de Sada e trasladados polos gardas a Crendes, Abegondo, onde serían asasinados e soterrados o 1 de setembro. Contaban 41 e 23 anos.

Gil González Mosquera
Secretario Xeral do grupo local do Partido Galeguista, directivo do Ateneo de Cultura Política y Social, Presidente da Sociedad Cultural Artística de Sada, etc. Tras efectuar o recoñecemento dos cadáveres de Suárez Picallo, Prego e Carballeira e comprobar o seu estado, decidiu quitarse a vida o 5 de setembro aos 34 anos. A súa biblioteca e os seus documentos foron queimados polos falanxistas.

Isidro Santos Burruel
Carabineiro republicano. Foi asasinado por negarse a cumprir as ordes xenocidas dos seus superiores. O seu cadáver nunca se atopou. Tiña 36 anos.

José Gerpe Romero
Torturado e asasinado o 4 de outubro, con 36 anos, coma vinganza ante a súa actitude nunhas pasadas eleccións, nas que lle tocara formar parte dunha mesa electoral, non permitindo a un grupo de dereitistas que manipularan os resultados. O seu corpo apareceu en Dorneda.
José Monzo Ríos
Fundador e Presidente do Centro Cultural Obrero, do Sindicato de Oficios Varios de Sada, dos grupos anarquistas Luz e Nueva Vida, etc. Destacou coma orador en numerosos mitins. Coa sublevación militar agóchase en varias casas de Sada, fuxindo posteriormente a Miño e ficando durante algún tempo nos illotes Cabrón e Carboeira. Apareceu na estrada de Sada a Fontán, tras ter rematado coa súa vida aos 31 anos, o día do Carme do 1938.


Caso diferente a todos os anteriores, polas formas utilizadas, que non pola súa gravidade, foi o de Antonio Fernández Pita, Alcalde republicano do Concello de Sada, inscrito na ORGA ata o 1932 e logo independente. Coa toma de Sada polos falanxistas foi preso e trasladado a Betanzos, sendo posto en liberdade días despois. Ao pouco foi novamente detido e trasladado á Coruña., onde, logo de ser xulgado en consello de guerra sumarísimo, foi executado o 27 de novembro do 1936, cando contaba 48 anos.


Non podemos esquecer tampouco a todos os sadenses que sufriron as consecuencias da Guerra Civil nas súas trincheiras, desde as que defendían a lexitimidade dun goberno elixido democraticamente polo pobo meses antes. Ricardo Castro Vidal, aviador instruído na U.R.S.S., deu a súa vida nesa empresa con só 20 anos.



Mais a represión en Sada non só deixou mortos. Houbo unha enorme cantidade de persoas que sufriron as súas consecuencias. Justo Rodríguez, Lisardo Abruñedo, Manuel Meilán, Manuel Fernández “Cochero”, Francisco Guitián, José Mosquera, Juan Montero, Marcelino Suárez, Emilio Corral, José Pérez P., Francisco Casal, Manuel Suárez, Eduardo Sánchez e un longo etcétera, tiveron que permanecer agochados, nalgúns casos durante anos, ou sufriron cadea. Moitos outros víronse abocados ao exilio, casos de Ramón Suárez Picallo, José Fernández, José Pérez V. ou Serafín García. Tamén as mulleres pagaron as súas actividades liberadoras con penas de prisión, humillacións públicas e traballos forzados, caso de María Prego. Numerosas familias, especialmente en Meirás, viron espoliadas as súas propiedades, que pasarían a engrosar as dos Franco.

A dictadura franquista remataría de sementar o terror e o interesado esquezo de toda unha época, situando, iso si, nos atrios das igrexas a todos aqueles que caeran “por Dios y por España”. Mais, coa transición do franquismo á Restauración borbónica, non se procedeu, coma era de recibo, á recuperación da memoria da barbarie e do tempo que lle precedeu. Optouse por considerar á Guerra Civil coma consecuencia da República, e non coma reacción daqueles que, desde un primeiro momento, se opuxeran a ela. Agora, nun contexto político local favorable, comezarase a facer xustiza con todos os que deron as súas vidas ao servizo dos seus iguais, sacando á luz estas atrocidades para vergoña dos que herdaron o pensamento dos asasinos e para orgullo dos familiares das víctimas, que non só houberon sufrir a dor da perda, senón que tamén tiveron que aturar a posterior criminalización á que foron sometidas.
Agardamos proseguir esta investigación, que xa se debeu ter realizado con anterioridade, sacando así á luz todo aquelo que supuxo a chegada da democracia republicana en Sada, así coma o seu dramático final, nunha publicación o máis ampla, documentada e contrastada posible.

Avatar de Usuario
daniel_okintos
Foreiro
Foreiro
Mensaxes: 60
Rexistrado: 09 Nov 2006, 09:00
Contactar:

¿O mundo de Walt Disney?

Mensaxe por daniel_okintos » 17 Dec 2007, 14:04

Non quería entrar en discusions con fachas, pero non podo calarme, porque eu son unha vítima do terrorismo franquista.
Pero a mín nin a miñas irmáns, nos puxeron Sicólogos nin cobramos sueldos por ser vítimas do terrorismo.
Simplemente aguantamos e esperamos con paciencia e sufrimento a chegada da Democracia.
A vida da miña familia, que nunca lle fixo mal a ninguén, como tampouco lle fixeron mal a ninguén ningunha das miles de familias dos asesinados na Galiza po-los fascistas.
A nosa vida non foi de Walt Disney. Nin siquera a vida das familias dos asesinos foi de Walt Disney durante o franquismo.
Alguns poucos si viviron como si viviran en Walt Disney tampándose os ollos da realidade que os acompañou nun longo tempo miserento.
Tí si que vives en Walt Disney.
 

Avatar de Usuario
Lartovedo
Mozo
Mozo
Mensaxes: 16
Rexistrado: 29 Ago 2006, 09:00
Ubicación: Samoedo-Sada

Mensaxe por Lartovedo » 17 Dec 2007, 16:25

A República tivo moitas eivas, iso é evidente. Eu persoalmente, que fun un dos organizadores da homenaxe e redactei o tríptico, non comulgo cos ideais dos republicanos burgueses en moitos dos seus prantexamentos. Mais hai que recoñecer as realizacións do primeiro bienio a nivel estatal, que contrastan abertamente con todo o anterior e, especialmente, co réxime posterior á sublevación do 36. En todo caso, a nivel local, a II República supuxo para Sada unha realidade nova, un marco bastante propicio ao desenvolvemento das empresas culturais de toda índole, así como ao asentamento dunha cultura de clase obreira importantísima para camiñar cara un porvir mellor, e que hoxe non existe, debido á alienación das masas inherente ao neoliberalismo capitalista. Remítome simplemente a datos contrastados. A laboura desenvolvida polo Ateneo de Cultura Política y Social (que agrupaba a todas as faccións da esquerda) foi inxente, por non falar da dos diversos sindicatos ou de individuos coma Juan Antonio Suárez Picallo ou José Monzo Ríos, que figuran na lista de asasinados, por certo.
Non creo que en Historia se poda falar xamais de verdades obxectivas. De feito non creo na obxectividade. Ás veces semella obxectivo aquelo no que coinciden unha maioría de visións subxectivas. Non obrigo a ninguén a pensar de ningún xeito, nin creo a estas alturas en mundos idílicos. Simplemente, hai momentos históricos que considero máis positivos, e dos que podemos aprender máis para o futuro. A República é un deles, con todas as súas eivas e con todas as súas contradiccións, e non se pode comparar co que lle precedeu. Por outra banda, o tópico de que nas guerras non hai bos nin malos non me serve. No 1936 os militares non se sublevaron contra a República en si, senón contra a reducción de privilexios de determinados grupos sociais e institucións. Ben se sabe que os anarquistas ou os comunistas no loitaron en defensa desta República, senón da súa. Mais en todo caso buscaban sistemas sociais igualitarios, mentres que os seus inimigos loitaban pola permanencia dun sistema desigual no social e económico e autoritarista no político.
Eu non “introduzo o discurso político actual” en ningures. E ninguén lle garda máis respecto a estas víctimas do que eu, que son o bisneto dunha delas. O que non estea de acordo co texto do tríptico que se achegue á realidade da Sada da II República e a contraste coa dos posteriores anos 40.
A nosa homenaxe é totalmente sincera, e as nosas motivacións non son outras que dignificar a memoria destas xentes, que non só foron asasinadas, senón calumniadas e criminalizadas, para desgracias das súas familias, que tiveron que aturar unha brutal represión. Centremos os esforzos nesta tarefa e deixémonos de demagoxias con que se estamos a facer o mesmo que se fixo no Franquismo. Os once representados foron víctimas do Franquismo, que é o que pon na placa (non “feixismo”), coma o foron moitos outros. Non puxemos que caeran por defender á República, ou a España ou a Dios. Simplemente por defenderen valores de xustiza e liberdade, o que non se pode negar. E aínda que só sexa por ver coma os seus fillos podían, por vez primeira, ver con orgullo o nome dos seus pais nun acto público, valeu a pena.
Manuel Pérez Lorenzo

Avatar de Usuario
LAVANDAL
Foreiro Maior
Foreiro Maior
Mensaxes: 244
Rexistrado: 04 Xul 2005, 09:00
Ubicación: Cervo

SADA

Mensaxe por LAVANDAL » 18 Dec 2007, 15:32

Mellor non se pode dicir, primo Lartovedo.

(o de primo xa cho explicarei cando teña tempo...)

Avatar de Usuario
Lartovedo
Mozo
Mozo
Mensaxes: 16
Rexistrado: 29 Ago 2006, 09:00
Ubicación: Samoedo-Sada

Mensaxe por Lartovedo » 10 Xan 2008, 10:20

Por favor, introduzan na maior brevidade posible esta información no apartado pertinente (Sada) do proxecto. Levo tempo intentando que o fagan, pero polo momento non obtiven resposta.
Gracias e un saúdo,
M. P. L.

Respostar