A muralla de Lugo é un dos 132 sitios do mundo que se poderán percorrer virtualmente no novo proxecto de Google, a plataforma World Wonders Project.
http://elprogreso.galiciae.com/nova/175102.htmlEste proxecto, presentado mundialmente este xoves en Madrid, permite que os usuarios exploren e descubran, grazas á tecnoloxía Street View, unha gran cantidade de sitios patrimonio da humanidade, pertencentes a 18 países diferentes, ademais doutros excepcionais e fascinantes lugares do planeta. No proxecto, inclúense 132 sitios, entre eles, 12 lugares de España, ademais de localizacións tan relevantes como as áreas arqueolóxicas de Pompeya ou os antigos templos de Kioto.
Google explica que España foi o emprazamento elixido para presentar este lanzamento internacional “por dispor dun importante número de lugares representativos a nivel cultural patrimonio da humanidade”.
Este paso “importante na democratización do acceso á cultura”, como o definiu a poderosa multinacional estadounidense, é posible grazas á colaboración de socios como a Unesco, o World Monuments Fund, Getty Images e Ourplace. A empresa do popular buscador recalca que o obxectivo de World Wonders Project é “preservar os sitios patrimonio da humanidade, do mesmo xeito que aqueles lugares de relevancia cultural, coa axuda dunha ampla gama de tecnoloxías e información”.
Neste paseo virtual polo mundo, España está representada, ademais de por a muralla de Lugo, polos cascos antigos de Ávila, Cáceres, Santiago de Compostela, Segovia, Córdoba, Cuenca, Toledo e Salamanca, os conxuntos arqueolóxicos de Mérida e Tarragona (este último foi declarado Patrimonio da Humanidade o mesmo día que a muralla), e San Cristóbal de la Laguna.
Cada monumento conta coa súa ficha, ademais de vínculos a imaxes e vídeos doutros usuarios de Google. Os monumentos pódense buscar tanto por países como por algunha das dez categorías establecidas.
World Wonders Project.- http://www.google.com/culturalinstitute/worldwonders