Pazos e casas de Agolada

Feitos do noso pasado común
Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensajes: 19875
Registrado: 29 Sep 2004, 09:00
Ubicación: Mos

Pazos e casas de Agolada

Mensaje por serba »

O autor fai unha viaxe literaria e fotográfica polas casonas do concello dezano, vinculadas durante séculos á explotación da terra e que nas últimas décadas están sumidas, na súa maioría, nun progresivo deterioro.

Tras a colaboración do xeógrafo Antonio Presas sobre a destrucción dos restos arqueolóxicos de Lalín ata a década dos anos 60, nesta segunda entrega de O estado do patrimonio en Deza, Ángel Utrera analiza a importancia que noutrora tivo Agolada como residencia da clase figalga dende mediados do século XV. A ducia de casas pacegas ás que se refire o autor construironse cos restos de castelos e torres de defensa derrubadas durante as revoltas irmandiñas. Hoxe, estas construccións enfróntanse a outros inimigos: o abandono, o paso do tempo e o esquecemento oficial para rehabilitalas.

ÁNGEL UTRERA - AGOLADA
Entre a Serra do Farelo e o río Arnego, o Concello de Agolada dorme á beira do Ulla o soño dos recordos dun pasado de esplendor e un futuro negro betume. No límite da provincia de Pontevedra e lindante con A Coruña e Lugo, coas terras de Chantada a unha carreiriña de can, practicamente no centro xeográfico do país, formouse no administrativo coas antigas parroquias, algunhas das cales tiñan xuridicións de relevancia, no Antigo Réxime, como as de Borraxeiros, Ventosa, Carmoega, todas elas no século XVII encadradas dentro da provincia de Santiago, e garda como testemuña viva da súa historia patrimonio material e inmaterial de todos nós, herdanza que temos a obriga de preservar e transmitir ás futuras xeracións e que, porén, pola desidia ou incompetencia estase a perder lentamente entre as silvas e o silencio dos mortos carentes de recordos.

Contaba o escritor Carlos Casares nun dos seus artigos que "A D. Ramón Otero Pedrayo gustáballe moito falar do mundo dos pazos, que el coñeceu por mor da casa grande de Cima de Vila, en Trasalba, na que escoitaba contos e historias dos devanceiros e antepasados seus, ó pé do lume cando os criados dicían que a ánima en pena do vello señor da casa andaba de noite polos camiños, pedindo que lle rachasen o hábito de San Francisco, co que fora enterrado, pois quería entrar no Purgatorio para liberarse da friaxe dos montes". Esta visión romántica e poética propia dun escritor dá conta da relevancia que na nosa memoria histórica e cultural tivo esta chamada cultura dos pazos, moito máis relevante cando se analiza o desenvolvemento da realidade actual e as connotacións económicas, políticas e sociais que os señores da terra asumiron para o país e que supuxo a base socioeconómica e política da actual sociedade galega. A realidade é que os pazos forman parte da nosa paisaxe, da nosa cultura e a nosa intrínseca forma de vida. Estas casas teñen unhas características que as arredan das casas labregas; non pertencen á comunidade da aldea, de feito, aíllanse delas con muros e altos valados, marcando territorio e propiedade e deixando claro a separación entre a fidalguía descendente dos señores feudais e a plebe que vén a ocorrer no último terzo do século XVI, cando un heteroxéneo grupo de escribáns, coengos, avogados, mercadores, así como nobres e rexedores, comezan a tecer vínculos e parentescos matrimoniais e erguen casas fortes e paceñas, nalgún caso mesmo sobre antigas torres de defensa.

Este dominio dos señores da terra vaise sustentar no agro, xa que como casas de labranzas os seus almacéns ateigábanse coas rendas das explotacións de enormes extensións de terra adicadas ao cultivo dos cereais, o liño, as vides, etc., e o control tanto dos medios de produción, como de animais e persoas sobre as que exercían dereitos e prebendas tanto de facendas como de defensa, ordeamento e lei, por suposto, co apoio incondicional da Igrexa e a súa curia. Non hai pazo que se poida considerar tal sen a capela para uso dos señores. Os cregos aceptan o dominio material dos señores e estes usan o control espiritual daqueles para domear e controlar a plebe, que acepta sumisa e con resignación a miseria, a explotación e a humillación do poder económico e do espiritual coa vana esperanza da resurrección e a vida eterna no ceo.

Admitindo como feito probado que o pazo resulta ser a construción civil tradicional de Galicia no agro, para explicarmos a súa orixe temos que situarmos na segunda metade do século XV, despois das revoltas irmandiñas protagonizadas polas organizacións de campesiños e artesáns urbanos sublevados contra a opresión feudal, que arrasaron e destruíron torres e fortalezas feudais e que ían continuar coas disputas pacegas á morte de Enrique IV entre partidarios e detractores da súa filla Juana La Beltraneja. O punto e seguido a tanta destrución puxérono os Reis Católicos, que finalmente conseguen a reunificación dos reinos, incluído o de Galicia. Xurde, deste xeito, unha nova clase nobre acomodada e con títulos de fidalguía que fai uso e abuso dunha amplia gama de prebendas e dereitos gañados nos campos de batalla cunha formidable repercusión económica e social, e un sistema foral que atopou a principal fonte de defensa na monarquía e na igrexa e que alcanza o seu máximo desenvolvemento no século XVIII. Os pazos foron o crisol no que se formaron os principais personaxes do país posicionados tras prestar servizo á coroa e que recibiron en pago títulos nobiliarios de marqueses, condes, vizcondes ou grandes de España.

No devir dos feitos históricos e na participación activa nos mesmos Deza e, máis concretamente, Agolada non quedaron á marxe; a lista de casas nobres, pazos e torres é ampla dabondo e dá cumprida conta de todo canto antecede: O Pazo de Borraxeiros, ou pazo dos Salgado, que para a súa construción no século XVII aproveitou os elementos existentes do castelo anterior que fora derrubado nas guerras irmandiñas e que fora santo e seña na Antiga Xurisdicción de Galicia, mesmo emparentaron cos Ulloa e os Lemos de Monforte; o de Eidián; o Pazo da Pena, en Carmoega; o de Brántega, Moas, que pertenceu ao conde de Pallares, cunha moi fermosa capela á súa beira; as casas fidalgas de Castro, en Santa Comba; a de Cabanelas, en Borraxeiros; ou a casa grande e a do escudeiro Lope de Brandariz, en Baíña; a casa de Mendoza; en Basadre; a da Torriña, en Eidián; ou mesmo a casa da Torre de Sesto, edificada polos señores de Vilar de Ferreirós cos restos do castelo medieval de Valquireza, que nas terras de Val e Sesto, fronte a Toiriz, dominaban a confluencia dos ríos Arnego e Ulla, estratéxica torre vixía vítima dos enfrontamentos entre os arcebispos composteláns e os señores da Ulloa e as guerras irmandiñas, e que conserva escudo coas armas dos Gil, Varela e Ferreirós, do que o avoengo entronca dende os séculos XII e XIII coa liñaxe dos Deza ou Suárez de Deza, que levantan a torre-fortaleza de Lalín.

Lazos con Aragón e Francia
E, cómo non, a Casa Fidalga de Buxel, na parroquia de Artoño, da que imos destacar a capela do Santo Anxo da Garda, na que descubrimos os frescos que decoran as paredes da mesma, moi deteriorados e terriblemente danados polo caleado que padeceron hai tempo. Datada no 1647, entroncaba coa casa grande de Traspenas e a capela adicada á Virxe do Carme integrada na casona solar dunha póla dos Taboada, emparentados coa casa de Cercio, os Varela de Brandariz e os Gundín Salgado, da Laxe de Monterroso, como aclara o escudo que preside unha das paredes do interior, e que está rodeado polas cadeas dos Varela, así como as dos Suárez de Deza-Churruchaos. A roda do suplicio de Santa Catalina de Alexandría, as cinco flores de lis que poñen de manifesto o entronque destes coa casa real de Aragón e Francia, como mesmo reza no seu lema: Os Varela moi nomeados teñen por fama e brasón ser parentes próximos dos reis de Aragón. Asimesmo, na parte inferior do escudo aprécianse cinco barras e, finalmente, na parte dereita, o torreón ou torre. A bordadura é de cadea medieval pechada con candado, que recorda a participación da casa na batalla das Navas de Tolosa no 1212.

Hai que recordar que o fundador da casa de Traspenas, Farruco Taboada, procedía da casa de Tor, en Monforte, onde un marabilloso pazo da conta aínda hoxe da fidalguía e liñaxe da casa. E que estivo entroncada coas familias máis nobres da comarca: Coa casa da Torre de Barazón, coa Torre de Brandariz (A Baíña), coa Casa Grande de Cercio (Lalín), coa Casa de Salto (Rodeiro), coa Casa da Laxe de Monterroso, co Pazo de Cartelos de Chantada e co Pazo de Tor en Monforte.

Desta casa fidalga de Buxel na que situamos a Capela do Santo Anxo hai tres elementos que falan de nobreza e fidalguía: Unha porta de arco nunha casa de sólidos muros, o blasón e a capela coa inscrición do lintel e as mochetas molduradas que o sosteñen, e no que se pode ler: En el año de 1669 el comisario Benito Mosqqc (Mosquera ou Moscoso?) fundó esta capilla con pensión de dos misas cada semana. O nome era Benito Mosquera, comisario da Inquisición, abade que foi de Artoño e Borraxeiros a finais do XVII. Os seus devanceiros, como testemuña a labra heráldica, eran os posuidores de Traspenas, na mesma freguesía de Artoño.

Algúns dos elementos arquitectónicos máis representativos de todas estas construcións máis ou menos civís, aínda que conserven certo aire marcial son: Os muros de perpiaño en pedra granítica case sempre, nos que se abren as bufardas, de moi diferentes tipoloxía e tamaño, os brasóns, as cornixas molduradas, as chemineas prominentes con gárgolas e pináculos, lareira no interior na que o pote co caldo sempre estaba presto para aliviar a fame da época, as fiestras e portas con recerco moldurado, portas de medio punto e grandes portalóns con patio que daba acceso ás cortes e sobre as que colgaban a solaina-corredor sobre columnas graníticas con capitel e pináculos diferentes, case sempre o pombal, e xardíns máis ou menos estilosos e que nos anos da Ilustración trouxeron da veciña Francia moda e tendencia que perdurou ata noso tempo.
O deterioro progresivo e irremediable, polo abandono e despoboamento do rural, o esquecemento oficial, a falta de axudas para a rehabilitación e mesmo reconstrución nestes tempos grises de escasa concienciación social e pública fai que o noso patrimonio, a nosa cultura, o noso dereito a preservar a historia do que fomos e somos están a correr un grave e serio perigo do que aínda estamos a tempo de salvarnos se se adoptan as medidas correctas; no caso contrario, nun prazo excesivamente curto, nada disto ou unha boa parte de todo elo vai desaparecer irremisiblemente e canda el unha boa parte da nosa historia.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-t ... 67516.html
Poblada soledad es hoy el mundo.
Responder