http://www.readperiodicals.com/201001/2101077721.htmlRESUMO. Neste traballo abordamos o estudo etimolóxico de once topónimos que dan nome a outras tantas entidades de poboación das comarcas galegas de Xallas, Fisterra e Soneira. Con esa finalidade recollemos as atestacións deses nomes de lugar existentes en distintos cartularios medievais desa mesma área xeográfica e contrastamos cada forma con outros homónimos, cognados ou denominacións toponímicas estruturalmente análogas (galegas e do contexto románico), así como con elementos do léxico común que puidesen ter sufrido un tratamento similar a nivel fonético, semántico ou de calquera outro tipo. A conxunción destas variábeis lévanos a propor para cada topónimo unha base etimolóxica cuxa evolución, nalgúns casos, obriga a ter en conta aspectos como a hipercorrección, a refacción toponímica ou a consolidación gráfica de fenómenos coma o seseo. Noutros casos, esa base etimolóxica revélanos a existencia en época arcaica de lexemas que perderon o seu valor apelativo e ficaron fosilizados como topónimos.
Terra de Xallas - Asenso / Fornís / Grille / Recarea
Terra de Fisterra - Frixe / Padrís / Quenxe / Regoelle
Terra de Soneira - Pudenza / Serramo / Zas
Este traballo foi realizado no marco do Inventario Toponímico da Galicia Medieval (ITGM), proxecto que está a desenvolverse na sección de Gramática Histórica do Instituto da Lingua Galega (ILG) baixo a dirección de Xavier Varela Barreiro. Queremos agradecer ademais as observacións achegadas por Ricardo Gutiérrez Pichel e Rocío Dourado Fernández.