http://www.lavozdegalicia.es/noticia/oc ... 688353.htmFinou no seu domicilio de Teo aos 98 anos
Camilo Franco
Santiago 20 de agosto de 2012 14:07
Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, faleceu a pasada madrugada no seu domicilio de Teo.
O histórico galeguista nado en San Xoán de Barcala, A Baña, en 1914 foi docente, cooperativista, escritor, político, animador cultural... Contaba 98 anos e sempre considerou Galicia como unha tarefa urxente. Con el desaparece a figura dun home que formou parte das Mocidades Galeguistas baixo a influencia directa dos líderes como Castelao.
No ano 1931 Avelino Pousa Antelo acudiu a un mitín no Teatro Principal de Santiago. Nese acto falaba Castelao e o seu discurso conseguiu que aquel mozo se achegase de por vida ao galeguismo. Pousa Antelo recoñecería esa influencia asegurando que non houbo en Galicia «unha xeración como aquela» referíndose á xeración Nós, un grupo co que Antelo mantivo una estreita colaboración mentres lle foi posible e un ideario ao que se mantivo leal toda a vida.
Como a todos os integrantes daquela xeración que sobreviviron, e que participaron nas Mocidades Galeguistas, tivo dúas etapas políticas, unha primeira antes da guerra civil, na que participa nas actividades de desenvolvimento do Partido Galeguista, e outra finalizada a ditadura. En 1978, Antelo participa na refundación do Partido Galeguista, do que foi secretario xeral e presidente.
Na longa noite de pedra entre o 36 e o 78 Avelino Pousa Antelo non puido exercer de mestre despois de que o goberno de Franco suspendese as oposicións de maxisterio que Pousa aprobara. Foi o campo e o cooperativismo a actividade que desenvolveu durante toda a súa vida, alternando coa docencia e a escritura.
Maña, a partir das 10.00 horas, os seus restos mortais poderán ser honrados no Concello de Teo, onde residía dende 1990 e de onde era fillo adoptivo dende o ano 2007. O acto cívico de despedida realizarase ás 19 horas no mesmo consistorio. Posteriormente, os seus restos serán incinerados.
Reaccións
O BNG expresou nun comunicado «o seu fondo pesar» polo falecemento de Avelino Pousa Antelo, a quen califica de «incansábel traballador a favor do pobo galego, da lingua galega e do medio rural». O PSdeG-PSOE tamén lamenta fondamente unha morte «que deixa un gran baleiro na cultura galega». Pola súa parte, o popular Antonio Rodríguez Miranda, tamén lamentou o pasamento pola «pérda que supón para Galicia».
A Fundación Castelao tamén quixo amosar «o seu fondo pesar polo pasamento de quen foi alento desta casa dende o momento da súa fundación». Ademais de amosar o seu pésame, dende a institución tamén se quixo lembrar os principais fitos de quen fora o seu presidente durante 23 anos, dende o ano 1989. Así, destaca que, durante o seu mandato, completouse a compilación da obra escrita do autor do Sempre en Galiza ou celebrouse cunha gran exposición o 50º aniversario do pasamento de Castelao.
- "Avelino Pousa Antelo: un perfil de urxencia"
http://www.consellodacultura.org/noticia.php?id=2561
- "A Mesa [pola Normalización Lingüistica] chora o falecemento do seu presidente de Honra, Avelino Pousa Antelo"·
http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/313
- "O presidente da Xunta de Galicia amosa o seu pesar polo pasamento de Avelino Pousa Antelo"
http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/n ... usa-antelo
- http://www.galegos.info/avelino-pousa-antelo
Q.E.P.D.

Avelino Pousa Antelo. Acto de Amor e Memoria



