"Cultura e Educación súmase aos actos de celebración do bicentenario de Francisco Añón na terra natal do poeta"
O secretario xeral de Cultura gabou as iniciativas que “promoven un maior coñecemento social dos nosos autores e dos momentos máis relevantes da construción da nosa historia cultural”
Outes, 9 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sumouse aos os actos de conmemoración do centenario de Francisco Añón que se celebraron
hoxe na localidade de Outes, terra natal do poeta. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou nas iniciativas promovidas polo Concello de Outes para homenaxear o poeta Francisco Añón cando se cumpren os
douscentos ano do seu nacemento; “iniciativas –dixo– que a Xunta de Galicia acolle e apoia con entusiasmo por promoveren un maior coñecemento social dos nosos autores e dos momentos máis relevantes da construción da nosa historia cultural”.
“O congreso desenvolvido a semana pasada na Cidade da Cultura de Galicia permitiu afondar no estudo da achega poética e vital de Francisco Añón e as diferentes homenaxes que se veñen desenvolvendo estes días en Outes permiten recuperar esta figura na memoria dos seus habitantes”, dixo o secretario xeral.
Recuperación de figuras singulares
O representante da Consellería tamén asegurou que “estas celebracións arredor de momentos que marcaron pasos decisivos do avance cultural de Galicia e da recuperación dun status para a nosa lingua constitúen un conxunto de pingas do noso pasado traídas á actualidade, que nos axudan a recuperar para o presente a referencia das nosas figuras e obras máis singulares da nosa historia”.
Xunto co secretario xeral tamén interviron no acto o alcalde de Outes,
Carlos López Crespo; o secretario da Real Academia Galega,
Xosé Luís Axeitos; a vicepresidenta da Deputación da Coruña,
María Elvira Padín, e o coordinador dos actos de homenaxe,
Xoán X. Mariño.
As celebracións arredor do bicentenario de Añón comezaron hoxe ás 11:00 horas coa inauguración dunha placa conmemorativa da efeméride. A continuación tivo lugar o acto de entrega do retrato de Francisco Añón por parte do pintor
Alfonso Costa ao Concello de Outes. A intervención das autoridades presentes e unha ofrenda floral ao poeta diante do seu monumento na Casa do Concello completaron os actos de homenaxe.
Ademais de colaborar co Concello de Outes na realización do congreso sobre Francisco Añón que se realizou na Cidade da Cultura os días 4 e 5 de outubro, a Secretaría Xeral de Cultura apoiou a
publicación de Vida e obra de Francisco Añón, un volume da autoría de Ramón Blanco que acaba de publicar a Editorial Galaxia e que nace coa vontade de difundir a achega literaria e lingüística do poeta no conxunto da sociedade.
http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/n ... anon-terra
Poblada soledad es hoy el mundo.