Encontro en Pontevedra (a crónica)

Noticias de historia familiar
Responder
Avatar de Usuario
kruzul
Administrador
Administrador
Mensajes: 2241
Registrado: 05 Oct 2001, 09:00
Ubicación: El Escorial - Madrid
Contactar:

Encontro en Pontevedra (a crónica)

Mensaje por kruzul »

O pasado sábado celebramos o encontro de xenealoxía en Pontevedra. Foi unha xornada dobremente interesante xa que grazas á comunicación entre Cristina (BucetaCristina) e Berta (Rakeira) puidemos organizar unha comida con varios membros de Xengalega e coa administradora do grupo Genealogía de Galicia de Yahoo, Mercedes.
Por Xengalega asistiu Claudio J. Fuentes, presidente desta, coa súa muller e o seu fillo, Graciela Fondo, vice-presidenta, e Berta Bello, secretaria. Berta pertence ao grupo Xenealoxía de Galicia de Yahoo, do que asistiu a súa administradora Mercedes Pablos e o seu marido; é asimesmo indexadora dos rexistros de Lugo para o Familysearch, deste grupo asistiu o seu compañeiro Germán, de Pontevedra. Por Xenealoxía.org fomos os administradores Cristina Buceta (BucetaCristina) e Toni Saborido (Dinuciña), e o que escribe esta crónica Ricardo Lago (Kruzul). Parece que enumero en plan protocolario os cargos, pero é tan só como información. A reunión consistía nunha comida co ánimo xeral de coñecernos, estreitar lazos e falar do tema que nos une: a xenealoxía de Galicia.
xeneagen.jpg
xeneagen.jpg (285.81 KiB) Visto 1926 veces
esquerda: Cristina, Ricardo, Toni, Mercedes - fondo dereita: Claudio, Germán, Berta, Graciela e a muller de Claudio co seu fillo.


Os de Xengalega relataron as súas dificultades para arrancar como asociación, ata constituír o que agora son: un grupo no que prima fundamentalmente a amizade, a súa paixón pola xenealoxía e o seu interese na conservación dos arquivos.
Tamén organizaron os "Martes xenealóxicos" na Coruña, unhas charlas de xenealoxía destinadas a principiantes para iniciarse nesta.
Un tema que lles preocupa enormemente é a conservación dos arquivos, e máis en concreto os libros de rexistros parroquiais. A falta dunha xestión decidida por parte da Igrexa fai que en moitas parroquias os libros non se encontren en boas condicións de almacenamento sufrindo un deterioro máis acelerado. Berta falounos da posibilidade de organizar un grupo de microfilmado que acometese o fotografado das parroquias máis abandonadas.
Falamos entón dos mormóns, e as súas vangardistas políticas de recuperación e arquivado. Dúas Igrexas enfrontadas no tema da difusión de contidos. Arquivos vítimas dunha guerra de relixións? É a montaña de Utah a solución arquivística para toda a humanidade? Son válidos no noso tempo os nosos pequenos Utahs que sen montaña preservaron os nosos cartapacios durante séculos? Como actuar correctamente? Con este tema xerouse un apaixonado debate de opinións xa conformadas entre todos nós.

Falamos do estado da cuestión xenealóxica en diferentes momentos. Porque xa fai máis de dez anos que existe a Asociación de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia, e agora ao fin volveu a Internet coa maioría dos seus boletíns en liña. Volvemos recordar en diferentes momentos o nacemento do grupo Xenealoxía de Galicia de Yahoo que segue funcionando moi ben e con moita actividade, tamén máis de dez anos de Xenealoxía.org. A desagradable sorpresa das contas premium de Estudios de Genealogía. A importancia de que Apelidos de Galicia reúna nun só sitio toda a información dispoñible sobre estes. A paulatina retirada de presupostos por parte da administración. O perigo que por falta de presuposto a comisión de onomástica da Xunta non poida completar o Dicionario de Apelidos Galegos. No punto que mostramos acordo unánime é que na xenealoxía de hoxe, a información ten que estar en dixital, e todo esforzo conducente a favorecer este feito contará coa nosa aprobación e apoio na medida do posible.

Falamos así mesmo do positivo dunhas relacións máis fluídas entre os grupos, grupos que somos da mesma temática, e que todo esforzo conducente a mellorar a divulgación e comunicación redundará na mellora destes. Neste aspecto o intercambio de noticias e novidades entre os grupos é prioritario.


Con todo isto as dúas horas (dúas horas e media ao final) pasáronse voando, tendo en conta que mentres tanto tamén comemos. O cocido típico das datas foi o prato maioritario.

Á sobremesa Berta sacou dunha bolsa, dúas caixiñas cuns doces riquísimos, alfajores. Os larpeiros da mesa, celebrámolos moito. Enviárallos a nosa compañeira Sandra, que non puido asistir, e os compartiu con todos nós.

Despedímonos, co desexo xeneralizado de estar en contacto máis a miúdo e ver de materializar colaboracións en temas concretos. Ademais quedáramos na nosa reunión ás catro e xa íamos moi pasados.

Encontro de Xenealoxía.org

Estivemos: Ana Romero (Meiga), Breoghan, Jesús Rey (jesus__rey) e a súa rapaza, Puri Rodríguez (Nadir), Alfonso Fernández (Pousada), Toni Saborido (Dinuciña), Cristina Buceta (BucetaCristina) i eu.
Tivemos unha posta ao día sobre estes anos pasados, coas vicisitudes de cada cal, enfermidade, familia, temas persoais, traballo... temas todos eles que vou obviar aquí :)
xenealoxia.jpg
xenealoxia.jpg (312.1 KiB) Visto 1926 veces
esquerda: Pousada, Breoghan, jesus_rey, Meiga, BucetaCristina, Dinuciña e kruzul (Puri non aparece pois xa tivera que marchar e non nos demos conta)

Falamos do tema Apelidos de Galicia, onde Toni ten xa uns 5.500 apelidos con datos. O importante que é ter cruzado no sitio os datos de toponimia do Nomenclator, coas distribucións do INE da Cartografía dos apelidos de Galicia. Só coas distribucións do INE a base alcanzaría preto dos 40.000 rexistros. Un traballo que levou ata agora Toni, pero ao que sumándose máis xente ao mellor se podería completar nun ano. Díxonos que posiblemente a Xunta retire o presuposto do dicionario de apelidos, pero se non fose así no 2012 estaría dispoñible (son os prazos previstos do proxecto). Tería unhas 6.000 entradas, ou nomes de apelidos. Apelidos de Galicia incorporaría eses datos no apelido orixe, remitindo os derivados a este para cuestións etimolóxicas. Teríase entón unha gran ferramenta para a investigación.

Cristina falounos do importante que é ter a páxina de Xenealoxía con noticias de actualidade e refrescándose a miúdo. Tanto as noticias que no noso ámbito da xenealoxía se producen, como na necesidade de ter un rexistro actualizado de todas as revistas de investigación que se publican, encargándose de salientar os artigos. Conseguir en fin que Xenealoxía.org sexa un referente para todos os investigadores, noveis e expertos por igual. Na difusión as contas de Facebook e Twitter xa en probas se valoraron positivamente. Alfonso estimou que a de Twitter, que xa publica todas as novidades de Xenealoxía e todas as mensaxes dos Foros, é unha boa ferramenta para seguir os movementos do sitio con menor esforzo.

Falamos da posibilidade de ter unha base de datos xenealóxica real, onde cada persoa sexa un rexistro, onde as árbores xenealóxicas configuren a maia, a estrutura da base de datos, e onde estes aparezan relacionados á súa vez con cada casa. Facer das casas xunto coas persoas a base da estrutura. Puri díxonos que era así da única forma que lle gustaba enfocar a investigación, a única a que lle encontraba sentido. Convimos case todos que en xeral as restras de nomes e apelidos con anos, só iso, adoitan ser aburridas. Que nos gustaría que a estrutura de liñaxes fose algo máis. Mesmo a posibilidade de visualizala en Googlemaps ou outros mapas nosos, axudaría a darlle esa outra dimensión máis real á historia familiar. Falamos de como fixar esa "Comarca" (Galicia) utilizando o símil do Señor dos Aneis. Os censos poderían darnos unha idea. Por exemplo Ensenada podería axudar a reconstruír "a foto" de casas da "Comarca" para unha data determinada. Así Alfonso trouxo a colación o traballo "Ponte Caldelas: 1500-1936. Memoria escrita dun Pobo" onde as investigadoras presentan as xenealoxías indo casa por casa. Podería ser un punto de partida interesante para poder avaliar e deseñar o conxunto dende o particular.

A maioría dos que estabamos eran da zona de Pontevedra (en realidade todos menos eu :) Polo que en temas de xenealoxía as coincidencias nas buscas eran abundantes.

Puri, Ana con Xesús e a súa rapaza tiveron que marchar e o resto fómonos dar un paseo pola cidade.

Aínda que o día estivera moi soleado e con boa temperatura, á noite xa ía bastante frío. Había ambiente festivo de carnaval pola rúa, nenos con disfraces xogando, e adultos disfrazados de paso a festas. Petardos e algarabía. Despedímonos ata a próxima (mundo físico:) aínda que moi animados a seguir véndonos virtualmente por aquí e seguir facendo cousas.
Rakeira
Novo
Novo
Mensajes: 2
Registrado: 20 Jun 2010, 18:37

Re: Encontro en Pontevedra (a crónica)

Mensaje por Rakeira »

Amén!!! Só matizar que Jorge é Germán e que eu, Rakeira, non son moderadora de xenealoxía Galicia de yahoo...

Saudiños, desexando repetir a xuntanza xenealóxico-gastronómica...

Berta Bello :)
Avatar de Usuario
kruzul
Administrador
Administrador
Mensajes: 2241
Registrado: 05 Oct 2001, 09:00
Ubicación: El Escorial - Madrid
Contactar:

Re: Encontro en Pontevedra (a crónica)

Mensaje por kruzul »

Graciñas Berta, no de moderadora pensaba que era así, no de Germán, sintoo foi un lapsus :(
Xa está amañado :)

Un abrazo: Ricardo
RCC
Mozo
Mozo
Mensajes: 31
Registrado: 05 May 2010, 18:12

AYUDA

Mensaje por RCC »

Pido disculpas por esta intromisión pero estoy desesperado, llevo cinco horas intentando enterarme de como entrar en el nuevo grupo google titulado Genealogia_galicia y no lo consigo, más aun, he recibido notificacion de google de que ese grupo no existe. Por otra parte, el grupo de yahoo está cerrado definitivamente, verdad?? Muchas gracias por la ayuda y espero poder aportar en el futuro algo más constructivo a xenealoxia.org.
Rakeira
Novo
Novo
Mensajes: 2
Registrado: 20 Jun 2010, 18:37

Re: Encontro en Pontevedra (a crónica)

Mensaje por Rakeira »

Hola!
El grupo está en: https://groups.google.com/g/genealogia_galicia
Se creó justo cuando cerró el de yahoo... si no puedes entrar, envíame un correo a rakeira arroba gmail.com y te añado.
Saludos
Responder