Fomentar a lectura e difundir o libro galego

Noticias de historia familiar
Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensajes: 19875
Registrado: 29 Sep 2004, 09:00
Ubicación: Mos

Fomentar a lectura e difundir o libro galego

Mensaje por serba »

"Cultura e educación colabora coa XLI Feira do libro da Coruña, que ofrecerá máis de 50 actividades para fomentar a lectura e difundir o libro galego"

Un total de 40 librerías e editoriais participan nesta nova edición, que terá lugar desde o 1 ao 10 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez

O secretario xeral de Cultura participou esta mañá na presentación da feira, “que constitúe unha cita ineludible do calendario cultural de verán na cidade herculina”




A Coruña, 27 de xullo de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa XLI da Feira do Libro da Coruña, que achegará á cidade herculina máis de 50 actividades arredor do libro e da lectura entre os días 1 e 10 de agosto. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación desta iniciativa, que cualificou como “unha cita ineludible do calendario cultural de verán na cidade herculina”.

“O importante número de editoriais e librerías que participan, o alto número de persoas que se achegan cada ano a coñeceren as novidades editoriais e o completo programa de actividades arredor do libro e da lectura converten a feira da Coruña nunha das de maior interese e proxección desde o punto de vista cultural na nosa comunidade”, asegurou Anxo Lorenzo. Ao mesmo tempo, o secretario xeral puxo en valor estas feiras por favoreceren o achegamento do libro ao seu potencial lector, así como impulsar a exhibición, a difusión e a comercialización do libro galego.

Na presentación, que tivo lugar na casa do concello da Coruña, tamén estiveron presentes o primeiro tenente de alcalde, Julio Antonio Flores Pérez; o coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira; e mais o presidente da Agrupación de Libreiros da Coruña e director da feira, Juan Carlos Sanmiguel Souto.

A secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración da Federación de Libreiros de Galicia, promove este evento cultural, que forma parte da programación de Feiras do Libro celebradas en toda Galicia en 2012. Un total de 40 librerías e editoriais de Coruña, Santiago, Vigo, Betanzos, Vimianzo, Burela e a Pobra do Caramiñal, entre outros concellos, participan nesta nova edición da Feira do Libro da Coruña, que incluirá 30 presentacións de novidades editoriais e máis de 20 sinaturas de exemplares, entre as que destaca a importante presenza de ilustradores e escritores para o público infantil.

Exposicións fotográficas
Ademais, xunto ao espazo de actividades, estará instalada durante toda a feira a exposición fotográfica Vacas, de Xurxo Lobato, e haberá un espazo dedicado á recuperación da fotografía histórica coa actividade Fotografía Minuteira, a cargo do fotógrafo Ángel Borrué. Así mesmo, todas as noites realizarase un sorteo dun lote de libros entre o público que teña mercado libros na feira durante o día.

Feiras do Libro de Galicia 2012
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a lectura e impulsa o sector editorial coa posta en marcha das Feiras do Libro de Galicia 2012. O percorrido destas mostras comezou o pasado abril e estivo presente nas localidades de Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Despois do seu paso pola Coruña, estará entre os días 13 e 16 de agosto no concello lucense de Viveiro, onde rematará a xira pola comunidade.

Gañar lectores e promover o libro galego
Gañar lectores e impulsar a lectura, sobre todo entre os máis pequenos, é un obxectivo clave para a formación da sociedade. Por iso, a Secretaría Xeral de Cultura promove anualmente estas mostras literarias, que representan unha das actividades de maior tradición e asentamento dentro das feiras culturais e que contribúen á difusión e comercialización do libro galego.
http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/n ... ctividades
Poblada soledad es hoy el mundo.
Responder