http://www.laregion.es/noticia/218845/p ... o/montero/O programa de actos, iste sábado, inclúe recitais, música e maxia
O escritor e académico Xesús Alonso Montero, natural da localidade ribadaviense de Ventosela, recibirá mañá sábado unha homenaxe promovida polo colectivo 'Por un Ribeiro poético', e que foi presentada onte na Casa do Concello de Ribadavia por Jaime Moreda e José Luis Chao.
Unha iniciativa que xurde, según explicaron, 'duns amantes da poesía e das letras galegas nunha cita anual que sirva para que as novas xeracións de poetas e escritores poidan manter contactos cos persoeiros da cultura máis consagrados'.
O programa de actos comezará ás 13,00 horas, coa colocación dunha placa na casa familiar de Alonso Montero, en Ventosela, para trasladarse ás 19,30 horas ata a capela da Madalena, en Ribadavia. Alí abrirase unha exposición da Asociación Pintores do Ribeiro e haberá un recital poético, a actuación da coral Ecos do Avia e a entrega dun agasallo ó homenaxeado. Finalmente, no auditorio do Castelo, dende as 23,00 horas, celebrarase un acto popular con recitais, maxia e música.
__________________________________________________________________________________________
http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/n ... so-montero"O conselleiro de Cultura e Educación asiste en Ribadavia á homenaxe a Xesús Alonso Montero"
Durante o acto colocouse unha placa conmemorativa na casa familiar do profesor, en Ventosela
Ribadavia, 4 de agosto de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á homenaxe que se rendeu a Xesús Alonso Montero en Ribadavia, localidade ourensá na que se criou. No transcurso da homenaxe colocouse unha placa conmemorativa na casa familiar de Alonso Montero, en Ventosela. O acto, organizado polo colectivo ‘Por un ribeiro poético’, enmarcouse na celebración das ‘II Xornadas Literarias: Xosé Carlos Gómez Alfaro’, e foi apoiado, ademais, polo Concello e diferentes colectivos culturais da comarca.
O conselleiro destacou o legado de Alonso Montero, “un home que, como Ben Cho Shey ou como Otero Pedrayo leva a Galicia no corazón, e faino con afouteza, con xenerosidade e compromiso”. “Estamos a homenaxear a un home que moito ben ten feito a Galicia, moito ten aproveitado á nosa cultura e, aínda moito bo lle queda por facer”, engadiu.
Vázquez Abad rematou dando os parabéns aos organizadores da iniciativa e dando as grazas ao profesor por ter dado á cultura galega “novas razóns, ideas e azos abondo para 1000 primaveras máis, pola súa vida, polo seu exemplo e polo seu traballo”.
Ademais da colocación da placa, pola tarde celebraranse actividades de homenaxe no centro social Igrexa da Magdalena de Ribadavia e no Castelo dos Sarmiento, ás que asistirá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Cómpre lembrar que Xesús Alonso Montero será nomeado en novembro fillo predilecto de Ribadavia, polo seu traballo a prol da capital da comarca do Ribeiro.




