Yolanda Díaz Gallego: <<Toda unha vida adicada a Galicia>>

Noticias de historia familiar
Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensajes: 19875
Registrado: 29 Sep 2004, 09:00
Ubicación: Mos

Yolanda Díaz Gallego: <<Toda unha vida adicada a Galicia>>

Mensaje por serba »

03/10/2012 - El Progreso (Sarria)

YOLANDA DÍAZ GALLEGO. Primeiro en América e, dende o ano 1978, en Barcelona, a intensa vida de Yolanda Díaz Gallego estivo sempre vinculada á causa galeguista. O importante labor cultural a prol de Galicia desenvolvido por esta sarriá valeulle un recoñecemento por parte do Centro Galego de Barcelona, que lle impuxo unha das súas medallas.

Con só 19 anos, Yolanda Díaz Gallego (Sarria, 1934) deixou o seu concello natal para emigrar coa súa familia a Uruguai, onde entablou contactos con galeguistas e traballou durante máis de dúas décadas a favor do desenvolvemento social e cultural de Galicia.

Cofundadora, entre outras institucións, do Patronato da Cultura Galega en Uruguai, Díaz Gallego participou tamén activamente na publicación en Montevideo da ‘Historia de Galicia’ de Ramón Otero Pedrayo, foi secretaria xeral do Banco de Galicia neste país e implicouse dende a emigración na creación da casa-museo de Rosalía de Castro en Padrón e no busto de bronce de Castelao en Rianxo.

Aquel importante traballo realizado en América valeulle un recoñecemento por parte do Centro Galego de Barcelona. A veterana institución, fundada no 1892, conmemora este año o seu 120 aniversario e, no marco desta celebración, o día 7 de maio procedeu á entrega de medallas nun acto ao que asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez; o presidente do Centro Galego, Manoel Carrete; e o catedrático lancarés de Estudos Galegos e Portugueses, Basilio Losada.

Yolanda Díaz recibiu a medalla pola súa traxectoria a prol da proxección da cultura galega, nunha celebración na que tamén foi premiado Alfonso Paz-Andrade, fillo do persoeiro homenaxeado co Día das Letras Galegas 2012.

Posteriormente, ambos firmaron no libro de honra da entidade. O encontro rematou coa apertura da exposición ‘Valentín Paz- Andrade: pranto matricial’, cun recital de poemas a cargo da sarriá e coa interpretación de varias pezas por parte dun grupo de gaiteiros.

Estudos

Segundo lembra Yolanda Díaz, o seu periplo por América comezou no ano 1953, cando se asentou coa súa familia en Montevideo. Acababa de rematar os estudos de peritaxe mercantil na Coruña e aquela moza, recén saída da carreira e cos coñecementos adquiridos aínda ben frescos, meteuse de cheo na posta en marcha do Banco de Galicia en Montevideo. Tiña 22 anos e era «a única muller entre 126 homes». «Axudei a artellar aquel banco», explica a sarriá, quen ocuparía o posto de secretaria xeral de entidade financeira.

Naquel mesmo banco e, axudada dunha máquina de escribir eléctrica, pasaría horas mecanofrando as páxinas da ‘Historia de Galicia’, que o coñecido autor ourensán Ramón Otero Pedrayo redactaba en pequenos papeliños e facía chegar ás mans de Yolanda Díaz Gallego en Montevideo.

Na capital uruguaia viron a luz os dous primeiros tomos da ‘Historia de Galicia’, editados pola imprenta Barreiros y Ramos -de fillos de galegos- e grazas ao financiamento de persoas coma o empresario Manuel Puente, asentado en Bos Aires. «Era un gran galeguista e adicou cartos á cultura galega», apunta.

Durante os 25 anos que viviu en Montevideo, Yolanda Díaz visitou outros países de América, nunhas viaxes motivadas en moitas ocasións pola causa galeguista.

Segundo explica, en México mantivo entrevistas con refuxiados políticos como Luís Soto, quen foi un dos redactores do Estatuto de Autonomía de Galicia do ano 1936, ou con Carlos Velo, cineasta exiliado a raíz da Guerra Civil, que se converteu nunha figura clave no cine mexicano. «Daquela había un movemento galeguista moi forte e moi patente, do que eu formaba parte», afirma Yolanda Díaz, quen tamén participou na fundación da Federación Ibérica de Juventudes Antifascistas.

Amazonas

Noutras viaxes viviu situacións excepcionais, que aínda hoxe lembra esbozando un sorriso. «Nunha ocasión no Ecuador bautizáronme os indios en Santo Domingo de los Colorados, na selva do Amazonas, pintándome a cara de cores con zume de paprica», conta con gracia.

A súa preocupación por Galicia e todo o relacionado coa súa cultura levouna tamén a entablar relacións con escritores galegos, aos que alentaba nos seus inicios, e a implicarse nas tareas de creación do museo de Rosalía de Castro en Padrón. Segundo rememora, o entorno desta vivenda estaba feito «un aserradeiro» e foron as aportacións económicas de galegos residentes en Arxentina e Uruguai as que permitiron sufragar en gran parte esta reconstrución. Con ese fin, creáronse padroados en ambos os dous países, correspondéndolle a Yolanda Díaz Gallego ocupar a secretaría do de Uruguai.

Nesta mesma liña de acción enmárcase a campaña de doazón de bronce posta en marcha polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo -entidade da que a sarriá foi cofundadora- para a creación dun busto de Castelao. A obra, doada polos galegos de Uruguai, foi finalmente colocada en Rianxo no mes de setembro do 1975. «O que se fixo na emigración foi moi importante», resume.

Barcelona

No ano 1978, Yolanda Díaz deixou Uruguai para instalarse en Barcelona. Cambiou de país e de residencia pero mantivo intacto o afán de colaborar en asuntos relacionados con Galicia.

Na Cidade Condal contactou con grupos interesados en formar colectivos de galegos en Cataluña. Pronto nacería o Fogar Galego O Penedo, entidade que presidiu durante 26 anos ata a súa disolución no 2009 para integrarse na agrupación cultural Saudade. Entre 1973 e 1981 colaborou tamén no programa ‘A Nosa Galicia’ de Radio Miramar e na Radio Galega.

Na actualidade, Yolanda Díaz continúa vivindo en Barcelona, onde segue en permanente contacto cos centros galegos, ademais de preocuparse polas relacións de irmandade entre o seu concello natal e o distrito de Sarrià.

Cada verán volve a Sarria, vila sempre presente na súa memoria que, en 2007, a elixíu para pronunciar o pregón da Noite Meiga. No ano 2010 participou tamén na celebración do cuadraxésimo aniversario desta tradicional festa.

Yolanda Díaz foi secretaria xeral do Banco de Galicia e fundadora do Patronato da Cultura Galega en Uruguai.

O teatro, unha gran paixón

Xa dende nena, unha das paixóns de Yolanda Díaz foi sempre o teatro. Iniciouse nesta arte en Sarria con só 9 anos e continuou cultivando a súa afección en Uruguai, onde foi unha das fundadoras do Teatro Popular Galego en Montevideo.

Unha vez asentada en Barcelona, puxo en marcha a compañía Zarabanda, primeiro integrada no Fogar Galego O Penedo e, tras a disolución deste, como parte da agrupación cultural Saudade.

Actuacións

Dende hai uns 15 anos, Yolanda Díaz dirixe este grupo teatral, para o cal tamén escribe obras. O pasado ano, Zarabanda subiu ao escenario da casa da cultura de Sarria para poñer en escena a peza ‘Letras galegas’.

A través das artes escénicas, esta sarriá pretende difundir a cultura galega naqueles lugares nos que actúa e reivindicar a importancia da súa literatura.

http://elprogreso.galiciae.com/nova/200112.html
Poblada soledad es hoy el mundo.
Responder