http://elprogreso.galiciae.com/nova/180644.html'O Ano Ben-Cho-Shey' reflicte a etapa deste histórico galeguista en Lugo
28/06/2012 - Javier Rivera / El Progreso (Lugo)
A área de Cultura da Deputación de Lugo convocou para esta tarde o acto ‘Os anos lugueses de Ben-Cho-Shey’, que servirá de prólogo e presentación ao ano cultural dedicado á figura de Xosé Ramón e Fernández-Oxea. Este persoeiro caracterizouse polo seu galeguismo integral, reflictido tanto na súa militancia no Partido Galeguista, como na súa vocación polo estudio do pasado, a través dos seus restos arqueolóxicos e as súas tradicións populares.
A súa figura «non foi recoñecida aínda en toda a súa dimensión», lembra Xoán Ramiro Cuba, coordinador do ‘O Ano de Ben-Cho-Shey’. Xosé María Álvarez Blázquez definíu como ninguén a poliédrica faciana deste polígrafo ourensá. «Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun Padre Sarmiento, a sabencia folclórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado».
A data elexida para esta conmemoración inaugural coincide co 76 aniversario da celebración do pebliscito para aprobar Estatuto de Autonomía de Galicia, o 28 de xuño de 1936. Fernández-Oxea participou activamente nesta campaña como presidente do Partido Galeguista na provincia. Tamén se cumpre o 75 aniversario do seu traslado como inspector a Cáceres polo réxime de Franco, en plena Guerra Civil, tras unha suspensión temporal de emprego e soldo.
Xosé Ramón e Fernández Oxea foi destinado a Lugo como inspector de Primeira Ensinanza en 1935, despois de exercer o maxisterio en Cariño e Santa Marta de Moreiras. En 1936 pasa a encabezar o Partido Galeguista en Lugo e desenvolve unha inxente labor na organización interna desta formación, pola que foi candidato ás Cortes republicanas no 36. A agrupación galeguista luguesa tiña a súa sede na Rúa do Miño. Entre os seus afiliados estaban Anxel Fole, como secretario local, Ramón Piñeiro, Servando de la Vallina, Antón Figueroa, Pepe Pimentel, Teolindo Corredoira ou Álvaro Gil, segundo explica Cuba. Oxea tamén mantivo entón unha estreita relación co viveirés Ramón Vilar Ponte, o farmacéutico ribadense Claudio Pérez Prieto, o escritor mindoniense Álvaro Cunquiero ou os Saco, de Monforte.
Un dos aspectos máis sobresaíntes de Ben-Cho-Shey é o seu papel de fío conductor entre esta xeración de vellos galeguistas e o os nacionalistas máis novos, parte dos cales se reunían nos anos sesenta no Club de Amigos de la Unesco, que tiña a súa sede no primeiro piso da praza de Tirso de Molina, en Madrid. Nesta cidade, onde se instalou na última etapa da súa vida, ata a súa morte en 1988, Fernández-Oxea desenvolveu un importante traballo cultural e ideolóxico. «Promoveu centros de iniciativas, nomeadamente en defensa da lingua galega, a través do Club de Amigos da Unesco, o Centro Galego e en contacto directo con mozos nacionalistas dos Grupos Castelao e Brais Pinto, dos que se pode considerar mentor», asegura Xoán Cuba.
Fernández-Oxea impartía «clases de galego e de algo máis» a lugueses como Lois Diéguez, Lino Ventosinos, Juan Soto, Bernardino Graña ou Vicente Vázquez Diéguez, así como a outros impulsores da ideoloxía nacionalista, como o pintor Raimundo Patiño, Bautista Álvarez ou Méndez Ferrín. Á súa vez mantiña unha estreita amistade co Grupo Castelao, que facía tertulia no ‘Lion D’Or’, a onde acudían os ribadenses Dionisio Gamallo Fierros e Paco Jaureguízar, Xesús Alonso Montero ou Fermín Penzol, entre outros.
Creación e investigación
Ben-Cho-Shey foi autor dunha inxente obra literaria e investigadora. Xa antes de chegar a Lugo desenvolveu un amplo labor cultural, reflictido na súa participación nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos, e tiña xa acadado un solido prestixio pola publicación de numerosos estudios e artigos sobre creación literaria, arqueoloxía, etnografía, arte, lingüística e política en distintos xornais e revistas.
«Tamén na súa estancia en Lugo afondou no estudio da arte, historia e etnografía da provincia», precisa o coordinador do Ano de Ben-Cho-Shey e da exposición que se inaugurará en Lugo e que tamén divulgará a figura deste galeguista por distintos lugares da provincia. ‘Cuchillo de sílex no Saviñao’, ‘Jornadas románicas en tierras de Lugo’ ou ‘O crismón de Quiroga’ son algúns dos traballos publicados en revistas especializadas por este gran coñecedor da arte sacra luguesa e ourensá.
No plano profesional tivo un contacto directo co tamén inspector Soto Menor, candidato a Cortés polo Partido Republicano Radical Socialista, e con Luis Bello, autor do libro ‘Viaje por las escuelas de Galicia’.
‘O Ano de Ben-Cho-Shey’ servirá para facer un percorrido pola actividade política e cultural do homenaxeado desde o ano 1918 ata a súa morte. Entre os seus libros de temática galega destacan ‘O baldaquino en Galicia denantes do barroco’, en colaboración con Filgueira Valverde; ‘Toponimías agrícolas gallegas’, ‘Un grupo de iglesias románticas’, ‘O Barallete’ (primer traballo importante sobre a fala gremial dos afiadores e doutros oficios caneantes), ‘O catón galego’ (libro de lectura para nenos). Este integrante das academias galegas da lingua e da historia, que foi medalla Castelao en 1986, escribíu tamén libros de contos e poemas, así como obras de temática extragalega, doutros lugares nos que vivíu, como ‘Costumbres cacereñas’, ‘Carnavales en Extremadura’ e ‘Geografía popular toledana’, este último con prólogo de Camilio José Cela.
Outro aspecto destacable do Ano de Ben-Cho-Shey está relacionado coa recuperación da memoria histórica. O alzamento militar de 1936 colleu en Lugo a este político e erudito. Aquí escribíu nun diario as súas vivencias daqueles momentos tráxicos nos que a súa vida corre un serio perigro. Narra os sucesos acontecidos na cidade e novas que lle chegan doutros lugares de Galicia, como as mortes de Bóveda e Camilo Díaz Valiño.
Para hoxe
Música, lectura dramatizada e fotos históricas
Música, fotografías, literatura e intervencións sobre a obra de Xosé Ramón e Fernández-Oxea integrarán o acto ‘Os Anos Lugueses de Ben-Cho-Shey’, que se celebra hoxe no Museo Provincial de Lugo, a partir das oito da tarde. Despois dunha introducción de Antón Castro intervirán o deputado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro Iglesias, e Xoán Ramiro Cuba Rodríguez, que se encarga da coordinación do Ano Ben-Cho-Shey.
Fotografías
Durante o acto tamén se presentará a colección de fotografías ‘Lugo na cámara de Ben-Cho-Shey’, que inclúe imaxes da época que Fernández-Oxea conservaba no seu arquivo particular, a partir do cal se fai a exposición do ano dedicada á súa memoria.
Lectura dramatizada
As actrices Tereixa Campo e Paloma Lugilde serán as encargadas de facer a lectura dramatizada dunha escolma de textos do ‘Diario de Lugo’ de Ben-Cho-Shey antes do peche musical da velada por parte de Antón Castro. Este diario inédito será publicado pola Deputación.
PD: Sin olvidar sus estudios y publicaciones de heráldica...