A CASA DE VILARXOÁN
Os Armesto de Vilarxoán e os Valcárcel de Moreda
A casa patrucial dos Armesto de Samos sitúase nas freguesías de San Lourenzo de Vilarxoán, Sta. Mariña do Mao e Sta. Mariña de Foilebar. Terras adscritas á xurisdicción da abadía bieita de Samos desde tempos altomedievais. *1. A primeira noticia desta familia nesta área relaciónase con Diego Belón, quen aparece como beneficiario en 1563 das compras protagonizadas polo seu pai Gil González de Balboa, Alfonso Núñez de Ledrón, e o seu tío Juan González de Balboa, xunto coa súa muller Inés Ares de Balboa, feitas sobre o Couto de Vilarxoán, vendido polo gobernador de Galicia por 2.000 reás. *2. A xurisdicción e o dominio útil do couto pasan á súa muller Constanza Sánchez de Somoza despois da súa morte cara ó 1570. Casada en segundas nupcias con Francisco López -dos Quiroga do Courel-, ten dous fillos: Diego Sánchez Taboada e María Valcárcel.
Cando Diego Sánchez morre en 1648, decide avincula-lo dominio das terras usufructuadas pola súa familia no Couto de Vilarxoán, beneficiando co vínculo á súa sobriña Dª. Francisca de Armesto, filla de María -ésta casada con Pedro de Armesto, tamén dos Quiroga do Courel-.
Unha bisneta súa -Dª. Tomasa de Armesto- emparenta á familia cos Valcárcel de Monforte de Lemos.
Os Valcárcel teñen así mesmo o seu centro orixinario na freguesía de San Salvador de Moreda, circunscrita á xurisdicción ordinaria do Conde de Lemos. *3. Alí está situada a Granxa de Vilanova, pertencente á Orde de San Xoán de Xerusalén, que posúe nesta comarca unha serie de explotacións agrarias organizadas en granxas. *4. A de Vilanova é fundamentalmente vitícola.
A presencia dos Valcárcel en Moreda rexístrase a partir do segundo cuarto do s. XVII -en concreto, coa figura de Joseph Valcárcel Ribadeneira- usufructuando o dominio útil da granxa a cambio do pago dun canon anual á mentada orde. En 1694 fúndase o vínculo con motivo do matrimonio en segundas nupcias de D. Antonio Valcárcel Somoza -fillo natural que ten o citado Joseph con Inés Rodríguez-, nunha escritura de dote na que Joseph avincula a granxa de Vilanova en favor do seu bastardo D. Antonio. Un neto deste -D. Blas de Valcárcel- casa con Dª. Tomasa de Armesto.
*1. San Lourenzo de Vilarxoán é anexionada polo presbítero Quendulfo e a monxa Guntrodo, que doan ó Mosteiro de Samos o 22 de novembro de 1007 a súa igrexa propia de Santa María de Mao, da que ésta é anexo xunto con San Vicente de Parada. A freguesía de Foilebar incorpórase un pouco máis tarde a través de dúas doazóns feitas tamén no século XII: a de Rodrigo <<Confesus>> o 18 de maio de 1009, e a de Rodrigo Quintilaz o 24 de xuño de 1070; ademais dunha permuta que fai Pedro de Samos con Jimena Núñez o 10 de agosto de 1095. Álvarez, M. L. (ed.): El Tumbo de Samos, (1986), docs. 98, 120, 129 e 233. Estas operacións coinciden coas doazóns feitas a favor da devandita abadía o longo dos ss. XI e XII, coincidindo cos abades Mandino (988-1020) e Diego (1020-1061). Arias Cuenllas (1992:97).
O censo elaborado por Floridablanca en 1785 sobre os distintos señoríos existentes en España, sitúa a freguesía de Vilarxoán baixo a xurisdicción ordinaria do mosteiro de Samos e da familia Armesto, posuidores do couto; e a de Foilebar baixo a tutela xurisdiccional da Encomenda de Quiroga. ACS, España dividida en provincias e intendencias..., Madrid, 1785, t. I, ff. 239 e 251.
*2. A compra de este couto e o señorío xurisdiccional por parte dos Balboa no s. XVI, témola que pór en relación co impulso evidente do réxime señorial laico que se experimenta no conxunto da Coroa de Castela coincidindo coas desamortizacións protagonizadas polos primeiros Austrias (Moxo, 1964: 218-224). P. Saavedra (1990a: 118) destaca como en Galicia estas vendas <<son más importantes por los incidentes a que dieron lugar que por su relevancia>>. Por outra banda, Mª. C. Burgo López (1992: 102-107) sinala no seguimento que fai do convento de San Paio de Antealtares, como no s. XVI, esta institución eclesiástica perde 6 coutos dos 19 posuídos ó longo do século.
*3. ACS, España dividida en provincias e intendencias..., Madrid, 1798, t. I, f. 242v.
*4. Pódese ver unha relación das explotacións que tiña a mentada orde militar en Galicia en Aldea (1973: 1817-1820), así como unha descrición máis pormenorizada da Orde de San Xoán de Xerusalén en Domínguez Ortíz (1976: 61).
Fuente: OS DEVANCEIROS DOS PAZOS, de D. Antonio Presedo Garazo, Capítulo II, páginas 27 y 28
Casa de Vilarxoán
Casa de Vilarxoán
Poblada soledad es hoy el mundo.




