http://galicia24horas.es/2012/07/compos ... unicacion/Coincidindo coas festas do Apóstolo e na liña que xa é habitual, con grande calidade gráfica e de contidos, a editorial “Teófilo Edicións” presentará hoxe, luns, dous novos títulos :“O pasado nunca pasa” e “Santiago en branco e negro”. As dúas publicacións teñen o denominador común de ter a Compostela como protagonista.
“O pasado nunca pasa” recolle unha selección de máis de mil cincocentas fotografías da capital galega da segunda metade do século vinte, e mesmo anteriores, amosando a súa realidade e evolución tanto nos ámbitos urbanístico, social, ata o deporte e o ensino, pasando pola cultura, as tradicións relixiosas e as festas populares. Nesta recompilación retrospectiva tamén se atopan destacados persoeiros que deixaron pegada do seu paso pola cidade do Apóstolo.
AS IMAXES
Na súa meirande parte as fotografías deste libro están asinadas por Manuel Blanco Rey, recoñecido foto-xornalista compostelán, aínda que tamén contén material fotográfico de arquivo e outro cedido por particulares, en concreto para a sección máis persoal da publicación: “Tal como éramos”.
Todo elo constitúe un novo e entrañable volume de Teófilo Edicións que permite volver a vista atrás e recuperar un tempo xa transcorrido, devolvendo ao lector lembranzas agochadas na memoria e que pon de manifesto que o pasado tamén está aí, máis preto de nós do que pensamos.
Por outra parte, “Santiago en branco e negro”, recolle unha recompilación de coidadas instantáneas de moi variados recunchos e coñecidos lugares da capital galega capturadas polo obxectivo do fotógrafo Alberte Peiteavel.
OS LUGARES E O TEMPO
Ao longo de máis de duascentas fotografías este libro percorre lugares, desde a perspectiva do tempo, cos que podemos deleitarnos. Constitúen un conxunto de vistosas composicións que invitan a unha viaxe chea de contrastes que transcorre desde o Medievo ata a actualidade, amosándonos a transformación de Santiago de Compostela sen perder a súa indubidable riqueza histórico cultural.
Unha publicación que invita a transitar desde a cidade monumental á puxante urbe dinámica e moderna que é hoxe a capital galega, destacando a súa harmonía e complementariedade.
O acto terá lugar hoxe as 20.30 no Teatro Principal en Santiago, unha cita ineludible para os amantes das boas obras editoriais. “Teófilo Edicións” dedicou xa sete títulos á cidade compostelá.
[ Publicado también en http://www.elcorreogallego.es/santiago/ ... cia-757664
Añaden que: <<Una de las obras está dedicada a la figura de Antonio Castro>>]




