Son novo neste foro ao que cheguei bucendo pola rede en busca de información sobre a casa da miña familia en Baralla, atopándo algúns datos no fío de "Pedro Gómez de Cancelada e Ulloa", onde se fai referencia aos Pardo de Neira e ao libro de Xulio Pardo sobre a historia de Baralla.
Busco información sobre a historia do lugar onde se asenta a casa actual e as familias propietarias. O que coñezo por parte do meu avó da historia é que a mediados do século XIX a miña familia (o bisavó do meu avó) merca unha serie de terreos en Lamas de Pacios (Baralla) onde se atopan os restos dunha torre, da que polo que eu sei era a torre da cárcel do partido, e unha capela adicada a San Roque. Coas pedras da torre, erguese a actual Casa da Torre de Lamas, conservando na súa fachada os antigos escudos da mesma.
Hai moitas contradiccións na compra da torre porque si ben hai que di que se mercou ao Estado, e polo tanto eu situaría a transacción nunha época de desamortizacións (pola data sería a de Madoz), hai papeis que situan a propiedade nos Valcarcel ou nos Neira aínda nesas datas...
Este antergo meu xa era propietario, no momento de mercar a torre de Lamas, do Pazo de Espiña en Pacios, a poucos kilómetros de Lamas, tamén en Baralla. E o seu fillo mercará outra casa solariega na zona, a de Vilachambre preto da vila de Baralla.
Subo unhas fotos da casa e da capela, se teño tempo despois subo os escudos en detalle.




Toda información que poida ter alguén será de moita axuda. Engadir tamén, xa que vexo que no foro hai un apartado de memoria histórica, que esta Casa da Torre ten tamén moita historia, e moi dramática nos anos da guerra, chegando a contar (aínda existen na actualidade) con escondites dentro do edificio do máis curioso.
Un saúdo!





