A Moroza (Sta. María de Paradela)

Investigación de xenealoxías
Responder
Avatar de Usuario
nadir
Editora
Editora
Mensajes: 68
Registrado: 12 Feb 2005, 09:00

A Moroza (Sta. María de Paradela)

Mensaje por nadir »

A MOROZA (Sta. María de Paradela)

O xermo da Casa da Moroza penso que está no matrimonio formado por Martín de Señoráns e Catalina Camiña, filla de Alonso Camiña e Inés Martiz/ Martínez.
Con respecto á familia de Martín de Señoráns, nun testamento ante Alonso Mosquera feito por Xoana de Señoráns no ano 1601, dise filla de Martino de Señoráns e Tareixa de Silgadas, veciños que foron de Sta. Mª de Paradela, irmá de Bieito Martínez crego de Sta. Mª de Caleiro. Noutro protocolo do mesmo escribán datado a 5 de agosto de 1603 aparece Martino de Señoráns, veciño da freguesía de Sta. Mª de Paradela e morador na aldea de Señoráns, herdeiro que quedou do seu tío Bieito Martínez, crego e vicario que foi de Nosa Sra. de Caleiro. É Martin de Señoráns fillo ou neto de Martino de Señoráns e Tareixa de Silgadas?.
Martín de Señoráns e Catalina Camiño mercan e/ou aforan entre 1599 e 1610 moitas propiedades tal e como reflicten os protocolos notariais que pasaron ante Alonso Mosquera e que asina Martín de Señoráns da súa propia man –dato a ter en conta xa que poucos saben firmar nesa época; indica certo nivel-. Entre as propiedades, destaca o foro que merca a Gregorio de Outeda no ano 1609 “que o seu pai traía en foro do Cabildo da Santa Igrexa de Santiago, unha parte do lugar de Lantanoo”. No ano 1605 faise o reconto de bens de Ines Martiz para a a facer as partixas, por el sabemos que as propiedades de Inés eran importantes, situadas no lugar de Mozorín en S. Xoán de Baión. Sabemos tamén que deixan certas misas de fundación en base a un vínculo no lugar da Moroza.
Tiveron por fillos a lo menos a Alonso Martínez Señoráns e Ana Martínez de Señoráns.
Martín e Catalina foron sepultados na capela de S. Ildefonso incluída na igrexa parroquial de Sta. María de Paradela. Tendo en conta que a capela de S. Ildefonso pertence ó vínculo de Señoráns de Abaixo, co seu dereito de enterramento como patróns que son dela, é de supoñer que existiu un parentesco moi próximo entre as dúas Casas.

Ana Martínez de Señoráns casou con Juan García e tivo por fillos a:
• Antonio García.
• Lucas García ó que mellora e deixa a súa casa no lugar de Lantañón.
• María García casada con Salvador de Pesqueira.
• Martín García que se ausentará ó reino de Castela.
Testou ante Antonio Martínez Señoráns escribán de número no ano 1670 tendo por testemuñas entre outros a Juan Martínez de Señoráns o Vello, Juan Martínez de Señoráns o Mozo e Xerónimo Mouriño Señoráns todos veciños do lugar de Lantañón. No seu testamento manda entre outras cousas ser “sepultada na capela de S. Ilefonso na sepultura onde foron sepultados Martín de Señoráns e Catalina Camiña os seus pais e Alonso de Señoráns o seu irmán”

Alonso Martínez Señoráns casou con Ana Boceta de Figueroa filla de Mª García ou González e Fernando Saborido da Casa da Toma, neta por liña materna de Alonso García, escribán da súa maxestade, e María González Boceta Figueroa da Casa do Outeiro en S. Pedro de Lantaño.. Casara Ana Boceta de primeiro casamento con Gregorio Boceta de Perrín da Casa de Perrin en Lantaño tendo por fillo a D. Juan Boceta de Cea escribán da súa maxestade, que segue a liña de Casa Perrín.
Tiveron por fillos Alonso e Ana a Antonio Martínez Señoráns e outra filla casada con Francisco Mouriño Señoráns irmán de D. Antonio Señoráns rector de Sta. María de Paradela. Seguindo un manuscrito de D. Andrés Boceta de Losada, señor da Casa do Outeiro, ao referirse a Alonso Martínez e Ana Boceta escribe: “deles saìron Antonio e Juan Martínez Señoráns casado con Fernanda/ Francisca?María Rodríguez. Catalina casada con ? de Paredes. Ana con Domingo Boceta de Paredes, Martha de Señoráns muller de Juan de? Outra casada en Barossa con ? outra casada con Francisco Mouriño Señoráns irmán do licenciado D. Antonio Señoráns rector de Sta. Mª de Paradela”
Con respecto a Juan Martínez Señoráns, dicir que amáis de aparecer como testemuña no testamento de Ana Martínez, por outro protocolo sabemos que no ano 1644 dise morador xunto á torre de Lantanoo.

Faleceu Alonso Martínez antes de 1670 sobrevivíndoo a súa dona máis de vinte anos. Faleceu Ana Boceta no ano de 1690.

Antonio Martínez Señoráns Figueroa, chamado ás veces Antonio Martínez da Moroza casou con María Rodríguez. Tivo por fillos a:
• D. Antonio Martínez Señoráns Figueroa
• Dª María de Señoráns que casa con Gregorio Cunqueiro Rodríguez
Fixo testamento Antonio Martínez no ano 1698 deixando como cumpridor testamentario ó seu irmán D. Juan Boceta de Cea.

D. Antonio Martínez Señoráns Figueroa casou con Dª Mariana de Faxardo e Avalle, filla de D. Francisco de Avalle e Dª Catalina de Silva e Faxardo, veciños de Santo Andrés de Xeve e irmá de Dª Marcela de Avalle, muller do seu tío D. Juan Boceta de Cea. Tiveron por fillos Dª Mariana e D. Antonio a:
• D. Lorenzo Martínez Señoráns e Avalle. Clérigo, 1º sucesor no vínculo de Casa Perrín.
• D. Francisco Martínez Señoráns e Avalle. Clérigo, 2º sucesor no vínculo de Perrín.
• Dª María Martínez Señorans e Avalle, Sucesora no vínculo de Perrín e na Moroza.
Testou D. Antonio na súa casa da Moroza en 1718.

Dª María Martínez Señoráns e Avalle aparece no Catastro da Ensenada como veciña do lugar da Moroza onde posúe unha casa dun alto cunhas dimensións de 15x8 varas. Casou Dª María con D. Santiago Rodríguez, natural de S. Bieito de Rabiño, xurisdicción de Refoxos, actualmente concello de Cortegada (Ourense) do que se descoñece a súa filiación. Sucedeu ó seu irmán D. Francisco no vínculo de Perrín no ano 1769 fixando a súa residencia en S. Pedro de Lantaño. Tivo este matrimonio por fillos a:
• Dona Josefa Señoráns Figueroa e Avalle.
• Dª Mª Vicenta Rodríguez Señoráns casada en S. Pedro de Lantaño o 14 de xaneiro do ano 1.787 con D. Xerónimo Días Valdivieso fillo de D. Alexandro Díaz Valdivieso e Dª Theresa Díaz Durán veciños de S. Marcos de Corcubión. Residirán no lugar da Moroza e en Vilagarcía tendo por fillos a Dª Theresa de Jesús bautizada en Lantaño o mesmo ano do casamento; D. Joseph tenente do rexemento provincial de Pontevedra quen casa con Dª Mª del Rosario Taboada Pimentel Ribeiro e Pillado, filla de D Antonio Taboada Pimentel Ribadeneira e León e Dª Michaela Ribeiro Pillado Arias e Castro, veciños de S. Pedro de Villantine? Xurisdicción de Melide no ano 1828 fan escritura de dote a favor dela cedéndolle o vínculo e maiorazgo fundado por D. André Antonio Pillado e Falcón cura párroco que foi de Sta. Cruz de Castrelos segundo seu testamento datado no ano 1712; e a Dª Rita Díaz Valdivieso. Testou Dª Rita no ano 1879; no seu testamento declara ter dous fillos naturais: Perfecta casada con Ramón Pérez Oubiña (emigrado a Arxentina) e Joaquín Díaz Valdivieso emigrado igualmente a Bos Aires.
• D. Lorenzo Antonio que segue a liña da Casa de Perrín.
Morreu D. Santiago no ano 1.803, fixera testamento o 30 de novembro de 1.802 ante Pedro da Torre deixando como herdeiro do vínculo de Perrín ao seu fillo D. Lorenzo. Fai doazón de certos bens na freguesía de Paradela ás súas netas. A Theresa e Rosa déixalle“a metade do lugar da Moroza que está xunto á casa en que habitan os seus pais” deixando constancia que a outra metada pertence á súa dona e, polo tanto, a deixa á súa disposición. Dona á súa sobriña Dª Manuela Gómez, quen vive na súa compaña, certos bens en S. Bieito de Rabiño incluída a casa.
A súa dona Dª María faleceu catro anos máis tarde, no ano 1.807.

Dona Josefa Rodríguez Señoráns Figueroa e Avalle casa en S. Pedro de Lantaño o día 16 de xaneiro de 1773 co licenciado D. Joseph Salgado fillo de D. Manuel Antonio Salgado e Dª Bernarda Fernández de Ulloa veciños de S. Pedro de Leirado e naturais de S. Pedro de Poulo (Gomesende); neto por liña paterna de D. Lorenzo Salgado e Dª Agustina Feixo Soutomaior veciños do Coto de Feardos (Sta. Mª do Pao- Gomesende); bisneto do licenciado D. Josef Salgado, abogado da Real Audiencia, descendente da Casa de S. Juan de Crespo (Padrenda) propia dos Salgado e Dª Isabel Sánchez de Moscoso descendente dun virrei de Nápoles natural de Sta. María de Sela. Instalaranse no lugar da Moroza. Baseándome en dúas consideracións penso que este matrimonio é o que reedificou a casa da Moroza: non aparece no Catastro da Ensenada ningún Salgado e si, como xa dixemos Dª María, en segundo lugar porque o brasón que aparece na Moroza corresponde a unha representación das armas dos Salgado similar a un dos brasóns que ornan a capela da Casa da Pedra, sita en S. Pedro de Leirado.
Foi D. Joseph Salgado avogado dos Reais Consellos. En 1789 fai valer a súa fidalguía para evitar o pago de impostos.
Teñen por fillos D. Joseph e Dª Josepha a:
• Dª María Salgado Señoráns.
• Dª Joaquina Salgado Señoráns quen casa con D. José Mª González Rubio pasando a ser veciña de Fefiñáns. Terán por fillos a Dª Carmen casada con D. José Lastra; Dª Jesusa; Dª Dolores; D. José casado con Dª Dolores Salgado veciños de Vilagarcía; e D. Silvestre Rubio Salgado que embarcou cara a Bós Aires no ano 1858 para exercer como comerciante.
• D. José Antonio Salgado, quen casa con Dª Teresa Cubillo filla de D. Bernabé Cubillo sendo veciños de Vilagarcía. Terán por fillos a Dª Rosa, Dª Dolores, Dª Mª Theresa de Xesús casada con D. Joaquín Caamaño, o licenciado D. Manuel casado con Dª Manuela Salgado López tendo estes por fillos a Dª Rosa e Dª Elvira, esta casada con D. Cándido Rasilla.
• D. Benito Salgado e Aballe quen casou con Dª Paula Maquieira sendo veciños de S. Vicente de Oubiña. Tiveron por fillos a Juan, Francisca e Joaquín Salgado Maquieira. Tivo por fillos Juan a Ramón, Joaquín e Manuel; Francisca casou con D. Juan Francisco Pastoriza; Joaquín tivo por fillos a José, Ramona, Maximina e Benita. Testaron conxuntamente D. Benito e Dª Paula o 14 de novembro de 1838.
• D. Silvestre Salgado, interventor de rendas reais da vila de Viveiro no ano 1828 onde é veciño. Casou con Dª Carmen Membiela Fraga tendo por filla entre outros a Dª Juanita.
• D. Joaquín Salgado.
• D. Eugenio Salgado. Licenciado veciño de S. Pedro de Cornazo, máis tarde de Sta. María de Godos e por último de Vilagarcía.
• Dª Francisca casada con D. Juan Senlle veciños de Paradela. Era D. Juan posuidor do vínculo e maiorazgo fundado na Moroza por D. Jorge Antonio de Sousa presbítero.Foi o seu pai D. Joseph de Senlle e Sousa, fillo de D. Fernando de Senlle e Sousa, irmán de D. Jorge. Morre sen descendencia lexítima. Testou o día 7 de xuño de 1856; nel lega ás súas sobriñas Dª Carmen e Dª Josefa Betanzos, Dª Dolores e Dª Manuela a parte de Casa e horta que lle pertencen e correspondeu do maiorazgo do seu home, igualmente lega a Dª Carmen Dª Josefa, Dª Dolores e Dª Manuela Betanzos a tomada que está a carón do muro da granxa; lega ó seu irmán D. Jose Salgado certos bens en usufructo para que á súa morte pasen ás súas fillas Dª Teresa e Dª Dolores, nas mesmas condicións lega a favor do seu irmán D. Silvestre e logo á súa filla Dª Juanita; lega igualmente outra parte á súa irmá Dª Joaquina para que á súa morte pasen ás súas fillas Dª Carmela, Dª Jesusa e Dª Dolores. Así mesmo aproba a doazón feita ó seu sobriño político D. Juan Salgado de varios agros.

Dª María Salgado Señoráns e Avalle. Casou co licenciado D. Ramón Betanzos e Márquez escribán de número da xurisdicción de Vilanova de Arousa. Tiveron por fillos Dª María e D. Ramón a:

• Dª Josefa Betanzos Salgado casada con D. Tomás Rodríguez García, tenente graduado, subtenente do batallón de Ourense. D. Tomás era natural da vila de Viana do Bolo (Ourense), fillo de D. José Rodríguez Iáñez e Dª Manuela García Labora. A escritura de dote foi feita o 12 de agosto de 1848; nela D. Ramón sinala como dote á súa filla “a casa do lugar da Moroza coas súas oficinas, curral, cabeleirizas, cuarto alto unido a elas, pombal e lagar ademais a granxa que circunda dita casa a labrado,e viñedo cerrada e amurallada sobre si (...)sembradura 51 ferrados, taxado na cantidade de 60.080 reais.” O 24 de marzo de 1849 dá D. Tomás un poder a favor de D. Ramón Betanzos para contraer matrimonio en nome del con Dª Josefa “xa que el ten que ausentarse co exército da súa maxestade no principiado e reino de Cataluña.” D. Tomás compra a D. Juan e Dª Josefa Senlle e Martínez veciños o primeiro do Puerto de Sta. María e Dª Josefa da cidade de Cádiz no ano 1852 a metade da granxa nomeada da Moroza que eles posuían, ampliando así a súa.
Por un protocolo de 31 de xaneiro de 1857 sabemos que Dª Josefa era xa viúva sen descendencia. Os seus bens pasarán a mans do seu sobriño D. Manuel Salgado?.
• Dª Carmen Betanzos Salgado casada con D. Segundo Vila Torres. Fai testamento Dª Carmen o 4 de agosto de 1892; sen descendencia entre outras mandas lega ás súas sobriñas “Dª Encarnación de Dª Manuela Salgado a metade do que lle pertence da casa coñecida co nome de Casa de Arriba coas súas dependencias, horta e finca que esta cerrada sobre si e situada no lugar da Moroza; declara que a outra metade pertence á súa irmá Dª Josefa; lega en usufructo vitalicio ó D. Segundo Vila en primeiro lugar e despois de el ó D. Ramón Salgado seu sobriño e en propiedade a D. Juan Salgado Pérez fillo do D. Ramón a cuarta parte da casa nomeada Casa de Abaixo herdanza dos seus pais na Moroza, coa súa parte de dependencias, granxa...”
D. Segundo Vila casa en segundas nupcias coa súa sobriña política Dª Carmen Salgado Betanzos.
• Dª Manuela Betanzos Salgado, solteira.
• Dª Dolores Betanzos Salgado.
Dª María Salgado testou na súa casa da Moroza a 1 de outubro de 1850. Nel institúe ás súas catro fillas herdeiras a iguais partes.
Morreu D. Ramón a avanzada idade de 86 anos segundo declara no seu testamento feito ante o notario D. Pedro Sánchez López o día 22 de febreiro de 1882. Deixa como albaceas testamentarios ao seu xenro D. Segundo Vila e ao seu neto D. Ramón Salgado. Faleceu D. Ramón ese mesmo día.

Dª Dolores Betanzos Salgado, nacida cara ó 1828, casou con D. Juan Salgado, do que descoñezo a súa filiación, licenciado en medicina. No ano 1862 xa é viúva. Tiveron por fillos a:
• Dª Carmen Salgado Betanzos casada con D. Segundo Vila Torres, sen descendencia.
• Dª Anunciación Salgado Betanzos
• Dª Manuela Salgado Betanzos
• D. Ramón Salgado Betanzos

D. Ramón Salgado Betanzos naceu aproximadamente no ano 1857. Exerceu como avogado na vila de Cambados lugar no que residía, onde foi xuíz municipal. Foi administrador dos bens das súas tías Dª Josefa, Dª Carmen e Dª Manuela e, o seu herdeiro maioritariamente.
Casou con Dª Isabel Pérez de la Fuente, tendo por fillos entre outros a D. Juan Salgado Pérez de la Fuente.

D. Juan Salgado Pérez casou con Dª Marina Fariña Gómez filla de D. Luciano Fariña Varela e Dª Inocencia Gómez Bares da Casa de Fariña no lugar da Pedreira en S. Adrián de Vilariño. Na segunda década do século XX adquiriu a Casa de Faxardo en Cambados, coñecida hoxe como Casa dos Salgado. (Cambados y el valle del Salnés. José A. Vázquez Casáis)
Foi D. Juan afamado avogado en Cambados, distinguido coa Cruz de 1ª Clase de San Raimundo de Peñafort. Alcaide entre 1924 e 1929 e tamén durante a II República co goberno de Lerroux. (Diccionario biográfico de la comarca del Salnés. Xosé Lois Vila Fariña. Víctor Viana Martínez)


Fonte: Elaboración a partir de protocolos notariais conservados no Arquivo Histórico de Pontevedra.
Avatar de Usuario
Lemos y Romay
Super Foreiro
Super Foreiro
Mensajes: 627
Registrado: 08 Sep 2007, 10:38
Ubicación: O Salnés
Contactar:

Mensaje por Lemos y Romay »

interesantisimo...

la verdad es que estos trabajos que tienes tan bien documentados habria que ponerlos en la parte de linajes, no la de los foros, si no la otra.


por otro lado, a ver si encontramos datos de los padres de Don Segundo Vila Torres

UN SALUDO
Última edición por Lemos y Romay el 27 Nov 2009, 15:50, editado 1 vez en total.
Breo-jan
Super Foreiro
Super Foreiro
Mensajes: 640
Registrado: 20 Mar 2006, 09:00
Contactar:

¿Un virrei de Nápoles?

Mensaje por Breo-jan »

¿Cal virrei de Nápoles,nadir?..Non atopo ningún con ese apelido...Por certo..aproveito pra agradecer as aportacións que estas facendo para un mellor coñecemento da historia dos pazos desa zona (Meis).Bo traballo...Eu porei outro dato máis,que non sei si xa coñecerás..O Lorenzo que sucedeu na Casa de Perrín,casou cunha filla dos que foran donos da Casa de San Bieito,en Lantaño,con xerazón...A Casa de Perrín non sei que foi dela...Igual desapareceu.Parece que era tamén en Lantaño
 
Avatar de Usuario
nadir
Editora
Editora
Mensajes: 68
Registrado: 12 Feb 2005, 09:00

A Moroza (Sta. María de Paradela)

Mensaje por nadir »

Gracias polos teus parabéns.
O dato da ascendencia de Dª Isabel está sacado dun protocolo notarial de 1789 ante o escribán Manuel Varela Patiño e textualmente di: "...la dicha Dª Isabel quedó descendiente de un virrey de Nápoles natural de Sta. María de Sela obispado de Tuy, por cuia derivación aún en día perciben renta sus descendientes libradas desde aquel reino..."
Nin idea quén era o virrei, non atopei nada tampouco.
Con respecto ao dato que aportas sobre o sucesor en Perrín, si o teño. A Casa Perrín é de Lantaño, como ben dis, teño a xenealoxía dela, e así mesmo a de S. Bieito.
Responder