A confraría de Santa Mariña

Feitos do noso pasado común
Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensajes: 19875
Registrado: 29 Sep 2004, 09:00
Ubicación: Mos

A confraría de Santa Mariña

Mensaje por serba »

Luis Giadás
11 de septiembre de 2012 05:00

Agora que estamos a celebrar as Festas da Barquiña, en Ponteceso, resulta oportuno lembrar as orixes desta celebración.

Santa Mariña das Augasantas
, natural de Antioquía (Xinzo de Limia) e filla dun gobernador romano, sufriu martirio por non querer renegar da fe cristiá, aló polo século II.

O certo é que nesta costa coruñesa proliferaron as ermidas na súa honra: en A Coruña, a carón da Illa da Capela de San Antón (que daría lugar ó afamado Castelo, actualmente Museo Arqueolóxico), existía, nun illó, a capela de Santa Mariña (hoxe rechea pola Solana ou polo dique de Abrigo); na Sisarga Grande, o científico Humboldt puido albiscar as ruínas de outra ermida, supostamente arrasada polos viquingos; preto de Arou, o poderoso mosteiro de Santa Mariña, hoxe una humilde capela tras sucesivos saqueos normandos e de piratas.

Na pontecesá praia de Terra ou praia Grande de Balarés erguíase outra ermida a Santa Mariña, citada xa nas Memorias do Cardeal Gerónimo Del Hoyo, en 1608, emprazada onde hoxe está a Casa do Medio, e da que só restan una cruz e una pía bautismal, ademais da -hoxe tapiada- Fonte da Santa e do enigmático Petón das Cruces, no carreiro entre As Revimbias e As Milleiras.

No Arquivo Diocesano de Santiago documéntase a existencia dunha Confraría en honor á «gloriosa virxe e mártir» Santa Mariña, polo menos dende o 23 de decembro de 1679. Naquela data, Domingo do Rego, de Balarés, Pedro do Rego, Juan Martínez, Juan de Figuerola, Alberto Vermúdez (sic) de Castro e Juan Añón eran os seus principais confrares, sendo o propio Alberto o maiordomo (administrador) desta entidade.

Establécense vintecinco misas anuais para confrares vivos e mortos, a dous reais cada misa e, se o maiordomo non merca cera para os socios falecidos, será condenado a entregar dous reais para o seu colectivo (en xaneiro de 1703 a libra de cera para a festa custaba 7 reais).

Gastos da romaría

O 20 de xuño de 1690 figuran os gastos daquela romaría e, especialmente, da «pitanza dos confrares» : 157 reais para carne de dúas vacas (outras veces eran bois) e un carneiro; tres cañados e medio de viño, a 18 reais cada cañado (equivalía a 37 litros cada cañado, así que boten a conta. E non era todo para consagrar?), 9 reais para o cociñeiro (ou cortador, como figuraba noutros anos: a pel das reses e a súas miudallas -despoxos- subastábanse para financiar a Confraría, acadando con este produto nada menos que 340 reais e 24 maravedís, na data do 23 de xuño de 1791), músico, especias e papel; 6 reais a moenda de fariña; 9 reais para os reitores (sacerdotes que oficiaban vésperas e misas); 30 ferrados de trigo, que se coceron para a Confraría; 18 ferrados tamén de trigo, vendidos a catro reais cada ferrado, para cubrir gastos desta sociedade; cítanse tamén aos pedreiros que revocan a ermida e cinco galiñas gastadas no día da festa.

Catro anos máis tarde, mantense os prezos do viño e do músico e mailo do cociñeiro, medrando catro reais os curas (se cadra, había máis oficiantes) e 55 a carne de vaca. Xa nas festas de 1698 e de 1703 figura como párroco de Cospindo Pedro Sánchez del Pozo, fidalgo cántabro, dono da Casa do Quinteiro, no Couto, e así mesmo da Casa da Ponte, berce de Eduardo Pondal. En 1718, o reitor desta parroquia é Diego Sánchez del Pozo, arranxándose a capela neste tempo.

Xa avanzado o século XVIII, os gastos da romaría encarécense: en 1768, mércanse dúas ampolas de prata, por 200 reais, ademais de fogos, incenso e un gaiteiro, todo isto por 25 reais e 17 maravedís. Maiordomo desta confraría foi, antes de 1786, Josef Antonio González Pondal, tío avó do poeta Eduardo e dono -por parte da súa esposa Juana Sánchez del Pozo- da devandita Casa da Ponte.

O 22 de xuño de 1791, as dúas vacas da pitanza custan 304 reais e 17 maravedís; os tres cañados de viño, 214 reais; os curas, polas vésperas e misa da festa, 266; dúas ducias de fogos e media libra de cera, «para solemnizar a función», 215 reais; para o cortador de carne, o músico «que toca a vésperas e misas cantadas»; o incenso e venta de ferrados de trigo sobrante, 232 reais; coiro das reses sacrificadas, 115 reais; sebo das mesmas, 13 reais e 6 maravedís.

Supresión

Mais como esta multitudinaria romaría (comparable naquel tempo á actual de san Hadrián do Mar, Malpica) dexeneraba nunha comellada, acabou por ser suprimida polo visitador Juan Francisco Belo Rioboo, o 24 de xuño de 1791: «Atopei no Libro de Contas da Confraría 268 reais e 3 maravedís e mediante esta confraría faise de carne, distribuíndo aos confrares os respectivos anacos (?) e lonxe de fomentar a santificación e unión dos xuíces (confrares) polo abusivo xeito co que se fai, é un manancial de discordias e marxe doutros excesos que, a pretexto destas congregacións sobreveñen, faltando á boa orde e método do seu establecemento que, polas circunstancias dos tempos esixe a debida reforma (era o intre da Revolución Francesa e da crítica da Ilustración ó materialismo dominante na Igrexa), o arcebispo Sebastián Malvar y Pinto prohibe dita confraría de carne, anula as súas constitucións que a rexeron ata aquí e manda ao cura que agora nin en tempo algún, permita que continúe e, querendo os confrares, levados da devoción da Santa, en cuxo obsequio a erixiron, establecer esta congregación baixo nova planta e con constitucións que confirmen a derrogación das antigas, poidan facelo na conformidade que corresponde, con tal de que non sexa de comida, por quedar neste concepto suprimida, nula e sen ningún valor nin efecto as súas constitucións. Inda que na devandita capela non se celebra misa senón no día da Santa e cos ornamentos que se trasladan da parroquial e queda alí, porén de todo isto, o cura cele que dita capela se manteña con toda decencia e por conta dos seus caudais dispoña facer una porta, para precaver que non se abuse dela en cousas profanas, recollendo, en caso preciso, ao seu poder a chave coa que se pecha».

Engadamos, a xeito de coincidencia, que, así mesmo, a capela de Santa Mariña do Barro (A Baña) fora derrubada polo visitador arcebispal naquel ano de 1791 «por culpa das inmoralidades que se cometían nela o día da romaría».

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ca ... 1C8991.htm
Poblada soledad es hoy el mundo.
Responder