Xa é bo poder compartir unha xuntanza ao ano cos compañeiros de Xenealoxia.org, pero dúas xuntanzas resultan un precedente fantástico. Así, ao encontro de febreiro, este ano habemos de sumar o que este domingo, 9 de agosto, tivo lugar na alameda compostelana.
Estabamos acostumados a que Pontevedra exercese como anfitrioa, pero o cambio de ubicación, máis céntrico con respecto ao resto da xeografía galega, procurou algunhas sorpresas ben especiais entre os asistentes. O gastro bar Ferradura foi o escenario desta tertulia que xirou arredor dos máis diversos temas e nos que, por suposto, non faltou tampouco a historia familiar.
- Toni, Fátima, Cristina, Alfonso, Puri, Breo, Ricardo e Antonio
Nesta ocasión compartimos serán
Cristina (alias
Cristina B),
Ricardo (alias
Kruzul),
Toni (alias
Dinuciña),
Puri (alias
Nadir),
Fátima (alias
Legaria2001),
Breogán (alias
Breo-jan),
Antonio (alias
Mochy), outra
Fátima e máis un servidor de vostede (
Alfonso, alias
Pousada), lembrándonos de todos aqueles foreiros aos que nos gustaría moito poder ter visto, e moi especialmente a
Ana (alias
Meiga). Persoalmente, teño que dicir que foi estupendo poder poñerlle rostro a algunas persoas que non coñecía e coas que, unha vez máis, foi doado descubrir que ás veces o mundo semella ser tan pequeno coma unha aldea.
Entre conversa e conversa, foron aparecendo esas vellas historias de familia que todos escoitamos de cativos aos nosos avós, e que os afeccionados á xenealoxía estamos tan apaixoados sempre por verificar. No fondo, penso que o xenealoxista afeccionado é unha especie de detective máis preocupado por resolver os casos abertos do seu pasado familiar que por poñer nomes, apelidos e datas nunha pirámide invertida.
Só isto explica que, a medida que transcorría a tarde deste domingo, cada un fose contando, sen propoñelo, as súas personais averiguacións detectivescas:
“O estrano caso dos caldeireiros asturiáns que chegaron a unha vila con nome de froita”,
“Crime na Lúa de Mel”,
“A identidade segreda dos veciños da Casa de Valle-Inclán”,
“A muller que o sabía todo sobre a familia máis grande do mundo”,
“O filatélico sempre chama dúas veces”… poderían ser os nomes dalgúns libros que Agatha Christie, de ter estado connosco no Ferradura, de seguro que acabaría escribindo. Tantas e tantas boas historias fan voar a imaxinación de calquera.
É unha verdadeira mágoa ter que agardar uns cantos meses ata a vindeira xuntanza de foreiros, pero existe unha posibilidade interesante para solventar en parte esta tardanza. Sei que todos e cada un de nós ten gardada unha desas historias, a medio camiño entre a fantasía e a realidade, que logo resultaron clarificadas despois das nosas particulares investigacións. Sería moi interesante compartir esas vivencias familiares a través de pequenos artigos que poder ir subindo á páxina Xenealoxia.org. ¿Acaso non vos interesa saber que puido ocorrer para que Emilio Ribas, un guapo mozo, acabase morto a causa de tres disparos durante a primeira noite da súa Lúa de Mel?
Xenealoxía.org