Os galegos de Lisboa (séc.XVIII e XIX)

Feitos do noso pasado común
Responder
Avatar de Usuario
Milleiro
Super Foreiro
Super Foreiro
Mensajes: 1306
Registrado: 04 Nov 2001, 09:00
Ubicación: Galiza
Contactar:

Os galegos de Lisboa (séc.XVIII e XIX)

Mensaje por Milleiro »

Unhas das emigracións máis importantes que sufreu o povo galego ten-se dado no século XVIII. Moitos destes compatriotas e as suas descendécias ficaron para sempre no País Irmão. Con este artigo, editado por A Nosa Terra o 5 de Xaneiro de 1994 (nº 603) e que publicamos en Xenealoxia.org por xentileza do devandito xornal achegamonos polo miudo a esta parte da nosa história nacional e sirve tamén para ampliar e comprender a xenaloxia galega-portuguesa:



UNHA HISTÓRIA DEBUXADA SOBRE OS GALEGOS DE LISBOA (Bordalo Pinheiro pintou no 1884 o retrato da emigración a Portugal)







Os galegos en Lisboa estaban profundamente vencellados á vida cotiá da cidade, sendo personaxes recorrentes en todo tipo de manifestacións artísticas e literarias, como elementos integrados e caracterizadores dos usos e costumes populares. A anécdota, o disparate cómico, o episódio humorístico "de galegos" formaba parte dos chistes, da literatura, das historietas e incluso do cinema portugués. Temas como a malície, a gañáncia, a avarícia, a inxenuidade mesmo...,todo aquelo que encadra coa situación subalterna e de explotación, case de gueto de aqueles galegos lisboetas, augadores e mozos de corda maiormente.



A transición do Antigo Réxime coas suas estruturas sócio-económicas favoreceu a emigración en masa de galegos a Andalucia e Portugal. A meiados do século XVIII produciuse a primeira chegada masiva de galegos a Lisboa por mor do abastecemento de auga á cidade cando a construcción do acueducto. Os augadores levaban a auga dos chafarises, surtidos por ese acueducto, aos domicílios. Uns anos despois prodúcese a segunda vaga con motivo da reedificación da cidade asolada polo terremoto de 1755: canteiros, pedreiros, alvaneis e obreiros sen cualificación diríxense á capital lusa en percura de traballo. A comenzos do século XIX, uns CORENTA MIL galegos traballaban en Lisboa. Xente de severa económica, probidade e honestidade. Tamén de solidariedade, que o galego adoitaba amosar fóra, nun médio alleo e hostil, a través dos "convívios fraternos" e creación de sociedades. OS GALEGOS CHEGARON A TER A SUA PRÓPRIA FESTA, O 15 DE XANEIRO, ACODINDO EN ROMARIA AO SANTO AMARO.



"Os galegos" de Bordalo Pinheiro (Editorial Vega. Lisboa 1991), historieta debuxada ou história con deseños, está incluida no "Kalendário para 1884" á par doutras histórias. Esta obriña, recuperada por Vega e Carlos Consiglieri (quen manexa no seu prefácio unha bibliografia galega moi xenérica e desigual, mais non descamiñada: Sixerei, Villares, Sueiro, Bermejo, Vicenti...) nun albún de 60 páxinas, dentro da colección artes/ilustradores, leva datación de 1991 mais non foi até hai poucos meses que soubemos dela. Infelizmente non é doado atopar nas librarias galegas especializadas as novidades portuguesas.



Rafael Bodalo Pinheiro (Lisboa, 1846-1905) foi o pioneiro e mestre da caricatura en Portugal a partir de 1870. Ten un museu en Lisboa co seu próprio nome que recolle a sua obra de ceramista, caricaturista político e moralizador social. Realismo social e crítica mordaz son características da sua obra, así como a estreita relación entre imaxe e texto, o que levou a dicir a alguén que foi o pioneiro portugués do cómic ou banda deseñada.



Esta história de "Os Galegos", cun diálogo vivaz, que quere imitar a linguaxe popular no texto, e un trazo preciso e áxil no esbozo suxeridor, que lle dá un gracioso ritmo de movimento, ten para nós dor do tren e da viaxe que aqueles realizan á Galiza, Bodalo aproveita para poñer en solfa a avarícia e inxenuidade daqueles.



A cuadrilla de galegos está formada por mozos de taberna "em vésperas de serem patrões" que aparecen con nome ou alcume: João de Redondela, "O Virelas", Manuel da Missa "o fura", Verísimo, "Campeão", Braz, "Caramelo", Romualdo e Fernandes. Todos eles visten toscamente (en oposición ao menino Alfredo), con roupa do trafego diário e mesmo un aparece tocado con barretina, como tamén a usa o dono dunha taberna na que paran. Na caracterización dos personaxes e nos ambientes nos que estes se moven fican ben patentes a dependéncia e subalternidade destes galegos lisboetas. Tui, Betanzos, Lugo, Santiago e Vigo, cidades con sona, ademais da vila dos viaductos, que lle dá o nome ao personaxe mellor caracterizado, aparecen como lugares de orixe dos personaxes.



GALEGO CASTELLANIZADO

Bordalo pretende singularizar a fala dos galegos, diferenciada do portugués no texto, recorrendo a expresións castellanizantes ou a unha estraña xíria que pouco ten a ver co galego, ao contrário do que pensa o autor do prefácio, Consiglieri, cando di: "As palavras galegas fluem no texto com uma vivacidade notável, plenos de realismo, em íntima ligação descritiva".



Os simples, os humildes, os explotados..., os galegos neste caso, son ao cabo os que rematan por caer na trampa. Non queda a contenda empatada como insinua Consiglieri, en equilíbrio. Uns e outros (lisboetas e galegos) atíuranse claro, mais cada un no seu lugar. E a galegada fica estomballada, ao pé do camiño de ferro, co tren "fumando" á distáncia, aforros e pasaxes perdidos, logo de seren enganados polo agudo lisboeta. Claro que na sua avarícia levaran a peniténcia.



Hai unha posível leitura en clave social: Os galegos, mozos de taberna, fican burlados por pretender un chapeau de copa que aparentemente abre as portas do consumismo e da opuléncia; é dicir, por pretender un atributo dunha clase social superior. O que coidaban a chave na man do burguesiño non é máis que pantalla e apariéncia ridícula na sua.



Unha curiosa alusión á contrucción da ponte de ferro sobre o Miño ("que non está ainda feita, e só em oitenta e trés é que estará capaz!" polo que os viaxeiros terian que usar dilixéncia e barco dende Valença) indícanos que esta história de galegos xa a tiña Bordalo feita antes de 1883 e que quizá o "Kalendário para 1884" recolleuna doutra publicación. E que nos dí que os populares galegos lisboetas non terán sido protagonistas ou mesmo vítimas noutras histórias de Bordalo Pinheiro. De ser así estaria ben coñecelas. Polo momento conformámonos saboreando esta simpática e deliciosa história.
Última edición por Milleiro el 16 Oct 2004, 22:59, editado 1 vez en total.
Avatar de Usuario
Milleiro
Super Foreiro
Super Foreiro
Mensajes: 1306
Registrado: 04 Nov 2001, 09:00
Ubicación: Galiza
Contactar:

Os galegos de Lisboa (séc.XVIII e XIX)

Mensaje por Milleiro »

Autor do artigo: Xesús Torres Regueiro
Responder