Historia institucional
A Casa de Aián (Santiago de Sigrás, Cambre), xa aparece como tal a principios do século XVII. En concreto, Francisco de Miranes Villardefrancos fai unha mellora, que inclúe a Casa, o 19 de novembro de 1628, á súa filla María Jaspe Villardefrancos, casada con Rodrigo de Breijo y Aldao. Estes foron pais de Ángela Miranes, casada co rexidor Pedro Rosales y Francia, fundador á súa vez de varias capelanías. A súa única filla, Mª Ignacia Rosales y Aldao, casou con José Antonio de la Concha y Portillo, dono da Casa de Fisteus. Filla destes foi María Concepción de la Concha y Rosales, que reúne na súa persoa as casas de Aián e Fisteus. Cando a filla de María Concepción, Nicolasa Freire de la Concha, casou con Juan Manuel Varela Sarmiento, uníronse estas dúas casas ás da Penela, Anceis e Fontán, que levou despois Antonio María Varela Sarmiento Freire de la Concha, pai de María Pastoriza Varela Sarmiento, que casou con Juan Nepomuceno Ozores Sequeiros Sotomayor, Conde de Priegue, pasando estas casas a formaren parte da do Conde, á que seguirán unidas.
NOTA: Artigo recollido do Arquivo do Reino de Galiza. Os fondos desta Casa están depositados no devandito arquivo




